Extinguido o incendio forestal que queimou 19 hectáreas en Chandrexa de Queixa

A maior parte da zona afectada era superficie rasa

O incendio forestal declarado a fin de semana na parroquia de Casteloais do municipio ourensán Chandrexa de Queixa quedou extinguido na noite deste luns despois de calcinar 19 hectáreas.

Segundo informou a Consellería de Medio Rural, ás 20.51 horas deste luns quedou extinguido o incendio declarado sobre as 1.10 horas deste sábado en Chandrexa de Queixa.

As últimas estimacións sitúan a superficie calcinada nas 19 hectáreas de superficie, delas dúas de arboledo e 17 de superficie rasa. Medio Rural lembra que esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada.

Para a extinción deste incendio forestal foron mobilizados nove axentes, 29 brigadas, 13 motobombas, cinco helicópteros e dous avións.