Risco extremo de incendios forestais este domingo en case toda Galicia

Practicamente toda a comunidade está en máximo nivel de alerta

Case toda Galicia, salvo A Mariña e o litoral coruñés da Costa da Morte, atópanse este domingo nun nivel de risco de incendios forestais "extremo". 

Mapa do índice de risco diario de incendio (IRDI) deste domingo elaborado pola Consellería do Medio Rural. XUNTAAsí figura no mapa do índice de risco diario de incendio (IRDI) que publica a web da Consellería do Medio Rural en base a factores como a seca, o estado de matogueiras e pastos e as condicións de humidade, de temperatura e de vento. 

Neste contexto, practicamente toda a comunidade galega está este domingo no máximo nivel de alerta, o cinco. As únicas zonas que presentan un risco menor son a Costa da Morte, que con todo atópase cun risco alto, de nivel tres; e A Mariña, con risco alto ou moderado. 

E é que Galicia continúa baixo a influencia anticiclónica que predominou durante esta fin de semana, unha situación que deixa ceos pouco nubrados en xeral salvo algunhas choivas débiles no norte. Ademais, os ventos sopran frouxos do nordés este domingo, con intervalos máis fortes na Costa da Morte. 

Así mesmo, segundo información de Meteogalicia, os termómetros alcanzaron ao longo do fin de semana os 40 graos en boa parte da provincia de Ourense -tamén na capital-, que este domingo permanece en aviso amarelo por altas temperaturas. 

Comentarios