Fabien deixa dous milleiros de incidencias en Galicia

A caída de árbores e cables de luz e teléfono nas estradas foron os contratempos que máis se repetiron
Rúas cubertas de escuma do mar en Baiona. SXENICK
photo_camera Rúas cubertas de escuma do mar en Baiona. SXENICK
A borrasca Fabien deixou en Galicia dous milleiros de incidencias desde a medianoite do sábado ata as seis da tarde deste domingo, segundo o rexistro do Centro Integrado de Atención ás Urxencias (CIAE) 112.

Por provincias, a máis afectada foi a da Coruña, onde se alcanzaron os 717 contratempos. Pontevedra sumou 432, seguida de Lugo con 420 e Ourense con 265 contabilizados.

A caída de árbores nas vías de circulación (993), as accións de prevención de risco (330), cables de luz e teléfono nas estradas (133) e derrubamentos (72) foron os contratempos que máis se repetiron.

Por concellos, destaca o da Coruña con 62 incidentes, Oleiros con 23 e Santiago e Carballo con 37, respectivamente.

Na provincia de Pontevedra, Lalín alcanzou as 50 incidencias, A Estrada sumou 44, Ponteareas 24 e Pontevedra 20.

No concello de Lugo e no de Viveiro alcanzáronse os 24 incidentes e en Chantada e Vilalba rexistráronse 20 en cada un deles.

Para rematar, na provincia de Ourense, O Carballiño computou 19 incidentes, Celanova 13 e Ribadavia 8.