A conselleira de Política Social e o vicepresidente da Xunta comparecerán o venres na Cámara

A oposición reclamara a presenza de Fabiola García para explicar a situación das residencias, pero esta petición axiliza os prazos
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta. EFE
photo_camera Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta. EFE

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparecerán o vindeiro venres, a partir das 11,00 horas, na Deputación Permanente da Cámara galega, para explicar a situación de Galicia na crise sanitaria polo covid-19, tal e como figura na orde do día, ao que tivo acceso Europa Press.

Ambos os conselleiros, a través da Dirección Xeral de Relacións Institucionais Parlamentarias, rexistraron unha petición de comparecencia, á que tivo acceso Europa Press, neste órgano que está de garda entre lexislaturas, xa que o Parlamento quedou disolto o pasado 11 de febreiro, na mañá deste mércores.

Con esta petición xa non será necesaria a celebración dunha Deputación Permanente previa, como tamén pediu por rexistro a oposición nesta mesma xornada e case simultaneamente á da Xunta. Con todo, a oposición xa viña pedindo publicamente que Fabiola García acudise á Cámara a explicar a situación das residencias, con varios centos de infectados por coronavirus entre traballadores e maiores.

De feito, este mesmo martes, a petición conxunta xa tiña o beneplácito dos catro grupos da oposición e xa tiñan preparado o escrito de solicitude de comparecencia que, por un problema técnico, segundo as fontes consultadas por Europa Press, non foi rexistrado ata o mércores. As mesmas fontes consultas aseguraron que, antes de dar o paso final, negociouse cos populares a presenza de Fabiola García na Cámara, que finalmente acudirá este venres por petición propia.

Roda tamén explicará a "colaboración institucional na situación de urxencia sanitaria provocada polo covid-19"

Adicionalmente, a Xunta tamén envía ao seu vicepresidente, Alfonso Rueda, para informar os acordos adoptados no seo do Centro de Coordinación Cooperativa (Cecop), o órgano de coordinación creado polo Goberno autonómico para xestionar a crise sanitaria derivada do coronavirus.

Do mesmo xeito, e segundo figura na orde do día e a propia solicitude da Xunta, o número dous do Executivo autonómico, que estivo presente na comparecencia do presidente, Alberto Núñez Feijóo, o pasado xoves no hemiciclo galego, tamén explicará a "colaboración institucional na situación de urxencia sanitaria provocada polo covid-19".

MEDIDAS. Fontes parlamentarias confirmaron a Europa Press que se seguirá o mesmo esquema de cobertura que na comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a primeira semana. é dicir, o hemiciclo coa presenza do menor número de deputados posible e con delegación de voto dos parlamentarios, aínda que neste caso abordaranse dúas comparecencias, polo que os grupos poden variar algunha decisión.

A pasada semana, todos os protagonistas do debate subíronse á tribuna de oradores. O xefe de limpeza da Cámara, con equipos de protección, foi o encargado de limpar tras cada intervención a zona, para manter o máximo grao de desinfección e só acudiu unha das funcionarias traballadoras para facilitar a auga ás súas señorías.

Como ocorreu a vez anterior, a sesión poderase seguir polos medios telemáticos do Parlamento de Galicia, mentres que, por medidas de seguridade, a tribuna de invitados e para xornalistas permanecerá pechada. Os medios non poderán acceder ao Parlamento tampouco, pero serán facilitadas imaxes e fotografías.

Comentarios