Facebook descúlpase con Lalín por censurar por violenta unha foto dun cocido

Crespo convidou á Feira do Cocido aos responsables da rede social en España para poidan coñecer a festa de primeira man
Ingredientes del cocido. RICHARD BARREIRA
photo_camera A imaxe da pequena polémica. RICHARD BARREIRA

O alcalde de Lalín, José Crespo, recibiu unha chamada da responsable de Facebook España (propietaria de Instagram), Lola Baños, en resposta á carta que lle enviara o rexedor hai uns días. Baños transmitiulle desculpas polo tratamento dado ao cocido pola rede social Instagram. "Díxome que comprendía as molestias que esta decisión podería ter causado, un fallo que me explicou, tal como foi recollido en medios, se debeu a un erro técnico, ao fallo dun algoritmo de Instagram” que calculou mal e suprimiu a fotografía de cocido que subiu o mozo galego Richard Barrreira na que amosaba o primeiro cocido da tempada na casa da súa nai, como viña facendo nos últimos anos, explica.

Crespo, que agradeceu este xesto, "persoal e dilixente" da dirixente de Facebook, aproveitou para facer fincapé no convite para “que desde a dirección de Instagram/Facebok viñeran á Feira do Cocido ou a algún dos actos que temos ao redor do Cocido porque me gustaría que comprobasen en primeira persoa o alcance e repercusión da nosa Feira”. “A responsable de Facebook dixo que o estudarían e que intentarían encaixalo, sempre que lles fose posible”, afirma.

O rexedor subliñou que “agardamos poder ter en Lalín ao equipo directivo de Facebook nalgún dos actos da vindeira Feira do Cocido, xa que sería un honor que os mandatarios dunha rede social tan potente como Instagram/Facebook se achegasen persoalmente in situ para coñecer todo o que supón e abrangue a Feira do Cocido”. 

Cómpre recordar que o alcalde de Lalín enviou unha misiva á directora de Facebook tras desencadearse a polémica en Instagram pola prohibición da publicación dunha imaxe de cocido do usuario Richard Barreira debido a que incitaba á violencia. Unha controversia que se expandiu a nivel mediático e da que se fixeron eco, entre outros, Galicia Calidade defendendo a calidade do produto galego ou o mesmo Carlos Herrera que desafiou a Instagram subindo unha imaxe dun cocido degustado en Lalín, ademais de defender no seu programa o Cocido de Lalín como o mellor do mundo, un xesto polo que Crespo lle deu as grazas. Pouco despois, Instagram recoñecía o erro dando como resposta que a eliminación da imaxe do cocido se debeu ao fallo do algoritmo, unha explicación que hoxe lle foi transmitida en primeira persoa a Crespo pola responsable de Facebook a nivel de España.

Comentarios