domingo. 24.01.2021 |
El tiempo
domingo. 24.01.2021
El tiempo

Feijóo acusa o Goberno de "desentenderse" das residencias de maiores na crise

Alberto Núñez Feijóo. EP
Alberto Núñez Feijóo. EP
O presidente da Xunta propón que se aprobe unha norma que permita limitar a mobilidade entre determinados territorios

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acusou este sábado o Goberno central de "desentenderse" da xestión das residencias de maiores na pandemia de coronavirus, á vez que instou a debater a creación dunha norma de saúde pública que permita "limitar a mobilidade" dalgúns territorios nos que os niveis de contaxios permanezan altos unha vez concluído o estado de alarma. 

"As residencias tivémolas que xestionar os presidentes autonómicos", dixo, nunha entrevista na Cadena Ser, na que acusou o Executivo de "abandonar" estes centros, onde se rexistraron unha parte importante das vítimas do coronavirus. En Galicia foron en torno ao 44% das 619 vítimas totais contabilizadas ata agora.

Feijóo asegurou que durante a pandemia as medidas tomáronse a través dun "mando único" que "se desvinculou de todas as residencias" e deixou a responsabilidade ás comunidades. "Se algo tivo que ver, foi por ausencia. Nada fixo", engadiu. 

Unha vez superadas as semanas máis graves, o presidente galego admitiu que "é o momento de revisar o modelo" das residencias" e detectar "en que cousas se fallou" para evitar que a situación volva repetirse.

NOVA NORMALIDADE. Galicia abandonará este luns a fase 3 do proceso de desescalada e entrará na nova normalidade, algo que o presidente galego non ve precipitado, senón "ao ritmo da situación epidemiolóxica de Galicia". En todo caso, lembrou que o virus segue estando presente, e instou a "seguir con cautela, con rigor, mantendo a distancia, con hixiene e facendo uso de máscaras". 

O popular lamenta que a pandemia "veu truncar o mellor Xacobeo da historia"

Ante o feito de que algunhas comunidades chegarán ao fin do estado de alarma sen concluír a desescalada, Feijóo avanzou que proporá este domingo na conferencia de presidentes que se articule unha norma de saúde pública que permita limitar os movementos de determinados territorios se, por causa dunha pandemia, presentan niveis altos de contaxio. Referiuse, en particular, a casos como os dos cidadáns de Madrid ou Barcelona, que, suprimido o estado de alarma, poderán moverse por todo o territorio estatal.

RECONSTRUCIÓN. Para paliar os efectos da pandemia, a Xunta traballa nun plan de reconstrución que, en opinión de Feijóo, ten que centrarse en "que as compañías teñan liquidez, que non creben, e flexibilizar a interpretación dos expedientes de regulación temporal de emprego".

Ademais, explicou que a emerxencia sanitaria obrigou a unha "reordenación dos orzamentos", con partidas destinadas a políticas sociais, para que "ninguén quede atrás". 

Do mesmo xeito referiuse ao tirón económico do Xacobeo 2021, que ía ser "o mellor da historia", pero que "xa non o vai a ser". "A pandemia veu truncar o mellor Xacobeo da historia", dixo Feijóo, que confiou en buscar mecanismos que permitan "amplialo" ao ano seguinte.

"O camiño máis recto para perder eleccións é confiarse demasiado"
Preguntado polas eleccións do 12 de xullo, o popular rexeitou caer no "triunfalismo", diferenciando entre "as enquisas" e as urnas, xa que "o camiño máis recto para perder eleccións é confiarse demasiado". De cara á campaña, dixo que estaría encantado de recibir en Galicia a Pablo Casado e Mariano Rajoy, "e todos os que queiran vir". 

Sobre o risco de celebrar as eleccións neste contexto, insistiu en que, segundo os informes que manexa, é o momento que supón un menor risco, aludindo á opinión dos expertos sobre a posibilidade de que haxa rebrotes no outono. Por iso, animou aos galegos a que vaian votar con "tranquilidade". 

Feijóo acusa o Goberno de "desentenderse" das residencias de...
Comentarios