Feijóo asegura que o Ave non chegará a Galicia en 2020

"É bastante doloroso ter que dar esta información", indicou o presidente da Xunta

Feijóo, en el pleno del Parlamento. LAVANDEIRA JR
photo_camera Feijóo. LAVANDEIRA JR

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves que o tren de alta velocidade entre Galicia e Madrid non cumprirá "os compromisos asumidos polo goberno do presidente (Pedro) Sánchez" e non se poderá viaxar ao longo de 2020. Tamén destacou que o Ave non chegará a Lugo en 2021, tal e como dixera a alcaldesa Lara Méndez.

Segundo explicou ao termo da reunión semanal do Goberno galego, "lamentablemente" non se cumprirán eses prazos que anunciara o goberno de Mariano Rajoy, aos que se comprometeu o Executivo de Pedro Sánchez nunha visita do ministro de Fomento, José Luís Ábalos, a Santiago en outubro de 2018.

"Digo lamentablemente porque é bastante doloroso ter que dar esta información, pero se non o fixese sería cómplice" de ocultar as datas, "e non o vou facer", concluíu.

O Goberno galego analizou na súa reunión deste xoves o terceiro informe sobre o grao de execución da liña de alta velocidade entre Galicia e a capital de España, e da conexión Lugo-Monforte-Ourense-Madrid, un documento que conclúe que os compromisos adquiridos polo Goberno central en relación ao Ave "non se cumprirán". 

Este xoves, o presidente galego confesou que ten "un grao de preocupación moi alto" en relación a que o Ave a Galicia tampouco poida estar en 2021, coincidindo co próximo Xacobeo. 

Feijóo trasladou que lamenta ter que alertar desta situación, pero advertiu que non facelo significaría actuar como "cómplice" do Goberno central no "incumprimento" dos seus compromisos. "Non se vai cumprir nin un só prazo", aseverou, antes de repasar os "atrasos" constatados tecnicamente pola Xunta en distintos tramos. 

Nesta conxuntura, Feijóo avanzou que se remitirá este informe ao Parlamento de Galicia e manifestou o seu desexo de que Adif poida convencer á Xunta de que se equivoca, aínda que remarcou que "ningún dos informes técnicos" de seguimento presentados pola Administración autonómica ata agora estiveron "errados". 

Así, proclamou que o que quere Galicia, que "merece un respecto", é que o Goberno explique "por que hai un novo atraso" sobre os que xa acumula a alta velocidade coa Meseta. "E queremos datas e saber cando se poderán comprar billetes, e Galicia competir en igualdade de condicións co resto de territorios de España", resolveu.

Comentarios