Feijóo avisa que "Galicia non permitirá" atrasos no Ave coa "coartada do PsdeG"

O líder dos populares galegos destaca a experiencia de José Castro, elixido presidente no congreso local da formación en Lalín

El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo.XOÁN REY
photo_camera El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo.XOÁN REY

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na clausura do congreso local da formación en Lalín, advertiu de que non se permitirán atrasos na Ave á comunidade galega coa "coartada do PSdeG" e tachou de "partidistas" as medidas impulsadas por Pedro Sánchez.

No peche do congreso no que saíu elixido José Crespo como presidente, Núñez Feijóo mostrou a súa preocupación ante posibles atrasos no tren de alta velocidade galego, remarcando que "Galicia non o permitirá". "Se os meses de goberno de Pedro Sánchez van ser tan irresponsables, partidistas e contrarios aos intereses de Galicia como estas primeiras semanas, atoparanse enfronte ao PPdeG e á maioría dos galegos", subliñou.

O líder dos populares galegos e tamén presidente da Xunta definiu o executivo socialista como o "Goberno dos xestos e a imaxe de Pedro Sánchez", asegurando "non ter dúbidas" de que "non tardará en decepcionar aos cidadáns". "Nada me alegraría máis que o executivo de Sánchez demostrase ser útil para España e para o benestar dos españois, pero todo apunta que non vai ser así e que este Goberno só ten un obxectivo: ser útil aos intereses electorais do Partido Socialista", engadiu.

Fronte a este novo panorama político, Feijóo volveu pór en valor, como xa o fixo este sábado en Pontevedra, o legado e a xestión de Mariano Rajoy, pero tamén o seu compromiso con Galicia: "Sempre a tivo moi presente na súa actividade como presidente do Goberno".

Unha etapa de presidencia de Rajoy que enxalzou asegurando que a moción de censura só serviu para substituír un Goberno que sacou a España "da peor crise económica da súa historia para situar no seu lugar ao Goberno máis débil da España constitucional". Por isto, Núñez Feijóo referiuse tamén ás eleccións municipais do próximo ano. O líder popular galego sostén que este 2018 é un "ano para escoitar e volver conectar coa xente" que deixou de votar ao PP e tamén "coa que nunca" o votou, para retomar a senda das vitorias electorais. "Se temos éxito na renovación, o 2019 será un ano para gañar", agregou.

"FOINO TODO PRACTICAMENTE EN POLÍTICA". Na súa intervención no congreso de Lalín, o líder popular aplaudiu a elección de José Castro como presidente local, destacando a súa experiencia política municipal, autonómica e nacional, así como a súa capacidade para escoitar á cidadanía e "entender á perfección o que Lalín necesita".

"Despois dunha carreira tan extensa e frutífera, o común dos mortais perdería xa a motivación e estaría a buscar un retiro tranquilo, pero Pepe Crespo non é unha persona común, é un político extraordinario", destacou.

Feijóo non escatimou loanzas a José Castro, alcalde que "transformou" Lalín durante 25 anos, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, secretario de organización do PPdeG e senador: "Pepe foino practicamente todo en política".

Un congreso que se celebrou en Lalín, o "quilómetro cero do Partido Popular de Galicia", no que resaltou o "peso singular" da localidade na historia da formación, a súa "vitalidade envexable" e todo o que ten aínda por dicir no seu futuro. "Sairedes cunha forza renovada para seguir sendo o corazón deste gran partido", engadiu.

Feijóo destacou que se tratou dun Congreso que ten sido un exemplo de combinación do "mellor da renovación" -ideas, equipos e ilusión-, co "mellor da continuidade", na experiencia, o arraigamento na sociedade local e no liderado, concluíndo que "as organizacións que funcionan ben non necesitan dar un xiro radical para afrontar o seu futuro".

Comentarios