Feijóo chama a pechar filas para recuperar as alcaldías das cidades coruñesas

O líder dos populares galegos destaca a "experiencia" e "futuro" do PPdeG

 

Alberto Núñez Feijóo, na Romaría popular do PP de A Coruña. XOÁN REY
photo_camera Alberto Núñez Feijóo, na Romaría popular do PP de A Coruña. XOÁN REY

O presidente autonómico e número un do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, chamou este sábado a "traballar máis e mellor" para recuperar as alcaldías da Coruña, Ferrol e Santiago; e convertelas nas "cidades tractoras" de Galicia para, deste xeito, sacalas da "parálise e o desánimo" nas que, segundo o popular, as sumiron os gobernos das mareas municipalistas. 

O PP da Coruña reuniu este sábado a 4.000 persoas chegadas de toda a provincia coruñesa na segunda edición da súa 'Romaría popular' celebrada este ano o recinto feiral de Amio, en Santiago de Compostela. Un lugar que, como lembrou o líder popular na súa intervención, acolleu a asemblea nacional do Bloque Nacionalista Galego no que a formación frontista acabou por romper polas divisións internas, o que derivou na creación de Anova e o posterior surgimiento das 'mareas'. 

Feijóo contrapuxo aquel episodio de "división, fractura e decepción" do nacionalismo galego coa "unidade" que, di, exhiben os populares este sábado en Amio, un lugar "que a partir de hoxe será un sinónimo de proxecto de unión e de Galicia" grazas ao PP, ao que definiu como "o partido desta terra". 

O PP da Coruña exhibe a súa "unidade" no recinto feiral de Amio, onde "rompeu" o BNG e "xurdiron" as mareas, lembrou Feijóo

Á súa chegada, flanqueado polo presidente do PP da Coruña, Diego Calvo, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e outros mandatarios da provincia, o presidente galego arrincou os aplausos das persoas congregadas no recinto feiral, nunha xornada amenizada por unha orquestra. 

A pouco máis dun ano da data prevista para a celebración das eleccións municipais nas que o PP da Coruña aspira a superar o revés sufrido en 2015, cando perdeu as alcaldías da Coruña, Ferrol e Santiago, así como o goberno provincial, Feijóo instou aos militantes, concelleiros e cargos que se deron cita este sábado na capital galega a "traballar máis e mellor" para conseguir recuperarse nos comicios do próximo ano. Así, convidou a non facer caso das enquisas que apuntan a unha tendencia á baixa do PP, á vez que admitiu que "pode" que sexa preciso "mellorar os candidatos" para lograr o reto nas municipais, pero que "calquera partido en España e en Galicia cambiaríase por ter os resultados do PP". 

"Xa lles gustaría ter a nosa humildade, confianza, os nosos candidatos, a nosa militancia; un partido sólido e forte, potente como o PP que gaña as eleccións limpamente. O partido demócrata de verdade de Galicia e España", aseverou o presidente da Xunta.

O PP, "MÓLLASE". Por iso, remarcou que o Partido Popular "non se conforma" e conserva "a mesma ilusión" que tiña cando foi fundado por Manuel Fraga, para logo expor que os populares non son un partido "light" ou "zero" senón que "se molla".  "Non quero un partido que non se molle en nada, para iso está o PSOE. Non quero un partido pequeno só para os seus afiliados, para iso está o BNG. Non quero un partido que chegue a gobernar e non faga nada, para iso están as mareas de Podemos. E non quero un partido cun proxecto no que Galicia sexa indiferente, para iso está Ciudadanos", remarcou. 

"Non temos inimigos no noso partido. Nós miramos cara a adiante, mentres a oposición só tenta que a cidadanía se esqueza dela, nós queremos que vexan o que estamos a facer", remarcou antes de facer un "brinde" por "os maiores e polos mozos" e pechar o seu discurso repetindo a lema de campaña das últimas autonómicas até en catro ocasiones: "En Galicia, si!", exclamou Feijóo como broche á súa intervención.

Comentarios