Feijóo convoca unha reunión con todos os partidos para este luns polo coronavirus

O presidente da Xunta afirma que "a unión de esforzos é fundamental" nunha crise que podería supor o adiamento das eleccións
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este venres na Coruña. CABALAR (EFE)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijó. CABALAR (EFE)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remitiu este mércores unha carta aos responsables dos principais partidos políticos galegos para convocalos a unha reunión o vindeiro luns para analizar a situación derivada da evolución do coronavirus.

Feijóo asegura que solicita a convocatoria consciente de que "a unión de esforzos é fundamental nunha crise sanitaria deste calado" e que podería afectar incluso á celebración das eleccións convocadas polo próximo 5 de abril e a pertinente campaña electoral.

"Resultará útil pór en común toda a información que nos traslade o Executivo estatal este fin de semana, así como da evolución do virus en Galicia", sinala na carta, referíndose a que o titular do Goberno central, Pedro Sánchez, convocou aos presidentes autonómicos a unha videoconferencia na que tratarán este asunto e que terá lugar este sábado.

Así mesmo, Feijóo recorda que o martes, na Comisión Interdepartamental creada na Xunta de Galicia para facer seguimento da evolución do covid-19, avaliou as medidas adicionais expostas polo Consello de Ministros.

Comentarios