Feijóo, na Estrada sobre a folga dos PACs: "Estamos a falar con todo o mundo"

O presidente da Xunta visitou a escola infantil e falou tamén sobre violencia de xénero, sen mencionar a Vox: "Existe e hai que loitar contra ela"

Alberto Núñez Feijóo, en A Estrada. EP
photo_camera Alberto Núñez Feijóo, en A Estrada. EP

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este martes que nas próximas semanas aprobarase unha ampliación do bono coidado para que poida ser utilizado en ludotecas e noutros espazos infantís.

Segundo dixo tras visitar a escola infantil da rede A Galiña Azul da Estrada, durante 2018 foron 400 familias as que se beneficiaron desta medida e está previsto que en 2019 o orzamento "multiplique por cinco" a partida para esta axuda.

Núñez Feijóo abundou no compromiso da Xunta coas políticas de conciliación e a favor da natalidade en Galicia, xa que o declive demográfico é "o primeiro problema estrutural" de Galicia.

FOLGA DOS PACS. O presidente galego repasou outros temas de actualidade. Sobre a folga anunciada na PAC, defendeu estar "a falar con todo o mundo" co obxectivo de mellorar "a atención primaria" da sanidade pública galega.

"Proba disto é que hoxe empezan as reunións, hai seis grupos de traballo con todos os profesionais que traballan na atención primaria", expuxo.

O titular do Goberno galego apuntou que "evidentemente os médicos son os profesionais máis importantes" pero engadiu que "está o persoal de enfermería comunitaria e están todos os demais profesionais, farmacéuticos, fisoterapeutas, educadores, saúde pública...". "En definitiva, con todos estamos a falar", incidiu.

VIOLENCIA MACHISTA. O líder do PPdeG tamén rexeitou que haxa que "derrogar ou deixar de aplicar" políticas contra a violencia machista e animou a "mellorar" e "perfeccionar" as existentes e a actuar "con contundencia".

Na súa visita á Estrada, e sen citar expresamente a postura de Vox sobre esta cuestión, dixo que "a violencia machista existe e, polo tanto, as cousas que existen non se poden obviar, senón que hai que loitar contra elas".

Ve "difícil" tomarse en serio a Sánchez co seu compromiso co déficit
Feijóo tamén criticou o "atraso" na presentación dos orzamentos xerais do Estado para 2019 e considerou "moi difícil" tomarse en serio que o presidente Pedro Sánchez "queira facer un orzamento que respecte os compromisos de España como país da UE e que respecte os principios básicos da recuperación económica".

Comentarios