Feijóo, á oposición: "Ímonos seguir vendo máis tempo do que pensan" 

O presidente da Xunta contestou a Leiceaga despois de que este lle preguntase pola súa herdanza política

Alberto Núñez Feijóo.LAVANDEIRA JR. (Efe)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo.LAVANDEIRA JR. (Efe)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou este mércores as súas tres maiorías absolutas consecutivas para despois suxerir ao portavoz do PSdeG na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga, que deixe aos galegos facer balance do seu Goberno nas urnas do 2020. "ímonos a seguir vendo no Parlamento, se cadra, durante máis tempo do que vostede se cre", replicou ao socialista.

Así respondeu o titular do Executivo autonómico no hemiciclo despois de que Leiceaga lle preguntase sobre o "legado" que pretende deixar cando se marche da Xunta. "Queda menos dun ano para acabar o seu terceiro e, espero, último mandato", esgrimiu.

A iso, Feijóo suxeriu que os galegos xa fixeron un balance "inapelable" nas urnas "logo de tres maiorías absolutas", e pediu ao portavoz socialista que se remita "ao balance dos galegos no ano 20".

Neste contexto no que xa se empeza a falar dos próximos comicios autonómicos e da xestión da Xunta para a próxima década, o tamén presidente do PP de Galicia deixou caer que continuará "máis tempo" do que o portavoz do PSdeG cre.

Comentarios