Feijóo non descarta acudir aos tribunais ante a negativa do Goberno a abonar o Ive

"Non imos aceptar en ningún caso que se rían de nós", clama o presidente da Xunta 
 
Alberto Núñez Feijóo. XOÁN REY (Efe)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. XOÁN REY (Efe)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tacha de "tomadura de pelo continuada", que "empeza non só a ser de mal gusto, senón que empeza a ser groseira", a negativa do Ministerio de Hacienda a abonar os 200 millóns que reclama Galicia ao Goberno central polo axuste do Ive de 2017. 

A preguntas da prensa este martes, Feijóo apuntou que "estaba comprometido coa ministra de Hacienda nunha reunión de agosto de 2018" que "ese Ive se transfería en 2019", pero "en 2019 non se quixo transferir por real decreto lei e agora din que pasou o ano 2019 e que entón non o van a transferir no ano 2020". "Están a quitarnos, simplemente, diñeiro que é noso", recrimina. 

"Isto non é unha broma, estamos a falar de 370 millóns de euros que se nos debe (200 millóns do Ive e 170 millóns de compensación por cumprimentos fiscais); están a pagar co diñeiro da Xunta de Galicia o incremento das pensións, o incremento do salario dos empregados públicos", reprochou. 
Censura que "é un tema moi serio", xa que o Goberno central "está a converterse no principal moroso en Galicia". "Nós non imos pasar por isto, se se cre o Goberno de España que, por formar e asinar papeis con algún grupo minoritario en Galicia, imos pasar por estas equivócanse", agrega Feijóo. 

"Ese diñeiro é noso. E o diñeiro de Galicia é sagrado. Do mesmo xeito que Galicia paga as súas facturas o Goberno de España ten que pagar as facturas que lle debe á Xunta", prosegue na súa argumentación.

NON DESCARTA OS TRIBUNAIS. Cuestionado sobre se a Xunta recorrerá aos tribunais por esta decisión do Goberno, Feijóo contestou: "Neste momento, se se confirma ese dato, non descartamos ningunha posibilidade, e agora si que o digo moi en serio". 

"Estivemos a ser pacientes, observando a constitución do novo Goberno... Se realmente o Ministerio de Hacienda cre que non sabemos ler e escribir ou que non sabemos sumar, restar, multiplicar e dividir, equivócase", afeou o mandatario galego. 

"Dixen que vou defender Galicia con todas as armas da Constitución e mantéñoo". "Non imos aceptar en ningún caso que rían de nós e que agora nos digan que pasou o prazo e que non pagan; as débedas non teñen prazo; as débedas páganse, ademais deberían pagalas con intereses de demora de 2019 e 2020", clamou. 

Por iso, finalmente Núñez Feijóo chamou á "responsabilidade" do Executivo de Pedro Sánchez, porque "o diñeiro dos galegos é sagrado". 

Comentarios