Feijóo promete 15.000 postos de traballo en ofertas públicas de emprego

Tamén se comprometeu á renovación de residencias e a protocolizar a súa relación con sanidade na próxima lexislatura
Feijóo, no acto de presentación da súa candidatura. EFE
photo_camera Feijóo, no acto de presentación do programa electoral do PP. EFE

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu este martes "15.000 postos de traballo en ofertas públicas de emprego na próxima lexislatura", no acto de presentación do programa electoral co que os populares galegos concorren á cita coas urnas do 12 de xullo. 

"Empregos na Administración xeral, a educativa e a sanitaria. Ese é o compromiso, é o que se pode facer", sentenciou nun acto no que tamén interveu o portavoz dos populares na Cámara, Pedro Puy, quen se encargou de coordinar o documento. 

Nesta conxuntura, esixiu ao Goberno central que, "dunha vez por todas, xa, inmediatamente" permita á Comunidade "sacar todas as prazas de sanidade pública" que comprometera, co fin de "estabilizar" o cadro do Servizo Galego de Saúde (Sergas). "É o maior legado concreto que o Goberno central pode facer con Galicia", dixo. 

A este respecto, precisamente, o programa dos populares recolle, como retos post covid, o compromiso de "reforzar os recursos humanos" e a súa "organización" para poder seguir enfrontando a pandemia. Tamén sinala que se "priorizará" a Atención Primaria e aqueles servizos especialmente vinculados coa enfermidade, tanto asistenciais como de saúde pública. 

Así, remarca que, nas convocatorias anuais de ofertas públicas de emprego que faga o Sergas, esgotarase a taxa máxima de reposición fixada polo Estado e que, no caso de eliminarse este límite, convocarán "todas as vacantes existentes". Para iso, os populares reclaman ao Executivo estatal a eliminación desta taxa de reposición "co fin de que se poida chegar ás 3.500 prazas convocadas".

Residencias

En relación ao apartado de servizos sociais e dos centros de maiores, especialmente afectados pola pandemia, o programa dos populares recolle a elaboración, no primeiro semestre da lexislatura, de "un protocolo de relación entre residencias de maiores e de persoas con discapacidade" e a "rede sanitaria pública, tendo en conta a realidade social de Galicia". 

O obxectivo é que se "perfeccionen" os mecanismos de resposta "ante calquera emerxencia" e que "se garanta a atención social normalizada contemplando unha serie de "elementos centrais" como "o reforzo da permeabilidade entre as residencias, a atención primaria e a atención hospitalaria, para garantir un seguimento médico constante e de primeira calidade a todas as persoas residentes". 

Tamén "a potenciación" da implantación nas residencias dos sistemas de teleasistencia e telemonitorización que "evitan desprazamentos aos pacientes", e a posta en marcha dun plan de formación permanente para os traballadores dos centros sociais galegos. 

Do mesmo xeito, o programa dos populares recolle a elaboración de "un plan de renovación e apoio tecnolóxico" dos centros residenciais para maiores e persoas con discapacidade. 

Comentarios