miércoles. 15.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 15.07.2020
El tiempo

"Feijóo quere aparentar moderación, pero leva escritas no fronte as siglas do PP"

Gonzalo Caballero. LUIS POLO (AGN)
Gonzalo Caballero. LUIS POLO (AGN)
O secretario xeral do PSdeG está convencido de que 5-A a esquerda botará a Feijóo da Xunta e el será presidente. A clave, di, é lograr unha alta participación, para o que centrará a súa campaña na mobilización

Tras máis de dous anos á fronte do PSdeG chega o momento da verdade. Como o afronta?

Primeiro cumprimos co obxectivo de revitalizar e fortalecer o PSdeG, logo acadamos resultados electorais moi positivos en 2019 e agora toca afrontar as autonómicas, nas que somos conscientes de que se hai alto nivel de participación o cambio político será imparable.

Que sensacións persoais ten?

Moi boas. Percibo ilusión e entusiasmo de moitos cidadáns que aspiran a unha Galicia mellor liderada polo PSdeG.

ESTRATEXIA DE CAMPAÑA
"O noso gran reto é a mobilización, porque se hai un alto nivel de participación o cambio en Galicia será imparable"

RELACIÓN CON FERRAZ
"En 20 anos no PSOE non me caractericei nunca por un perfil de submisión"

Nas enquisas hai para todos os gustos. Como as interpreta?

Todas as enquisas reflicten que o PP está en retroceso e o PSOE en ascenso e que hai dous proxectos para a Xunta: un do PPdeG esgotado que non achega ningunha solución á realidade do país e un do PSdeG que aposta por novas políticas económicas, territoriais e sociais que aspiran a pór fin á década nefasta de Feijóo.

Como será a súa campaña?

A pé de país, percorrendo Galicia, en contacto directo coa cidadanía, con propostas en positivo para o futuro e ​solicitando que a maioría dos galegos acuda ás urnas. O noso gran reto é a mobilización da cidadanía e para iso confrontaremos dous modelos: o do benestar e compromiso coas persoas do PSdeG fronte ao dos recortes a e confrontación que representa Feijóo.

Cre que a campaña move voto?

As campañas son importantes para a mobilización electoral. En Galicia hai unha maioría progresista e o que hai que conseguir é que acuda votar. Feijóo quere pasar de puntiñas pola campaña, evitando a confrontación e agochándose; por iso non ten coraxe para afrontar un cara a cara.

Tirará de reforzos do Goberno central ou marcará perfil propio?

Esa dicotomía na práctica é inexistente. O PSdeG preséntase en Galicia, o meu compromiso é Galicia e o meu único interese é servir aos galegos, pero fágoo desde unha organización política que ten unha serie de valores progresistas, de modernidade, de xustiza social, de feminismo e de igualdade que non comparte o PP, que representa o conservadurismo reaccionario e o retroceso en dereitos e que ademais está botado aos brazos da ultradereita. Todo o proxecto do PSdeG é galego e galeguista. Acúsano de facer seguidismo de Sánchez.

Erguerá a voz contra Ferraz ou o Goberno se é preciso?

En 20 anos no PSOE nunca me caractericei por un perfil político de submisión a nada que non fora o meu criterio personal, a lealdade ao meu partido e o compromiso con Galicia. Feijóo, cando gobernaba Rajoy, nunca foi quen de marcar unha folla de ruta para defender Galicia ante os 2.300 millóns que aquel Goberno deixou de investir e que estaban orzamentados, nin reclamou polo interse da industria galega, nin polas peaxes da AP-9... Feijóo é un militante do PP que leva escritas as siglas na fronte, que quere aparentar ser moderado pero que é un conservador que asume a liña marcada por Casado. Outras forzas como o BNG tamén teñen as súas alianzas con ERC ou Bildu, pero nós somos o PSdeG: estamos centrados en Galicia, pero somos a esquerda.

Que nota lle dá ao Executivo central neste tempo que leva?

Os galegos apróbano, como se viu en abril e novembro. A Galicia vaille ben cun goberno progresista en España, que sobe a pensión a 700.000 galegos, o salario mínimo a 83.000 e a nómina a máis de 100.000 empregados públicos.

O estatuto electrointensivo non agrada a ninguén. É mellorable?

É un avance e hai que melloralo. O ministerio debe estudar as alegacións para levar a industria galega á mellor situación posible. É unha ferramenta importante que non había cando gobernaba o PP.

LISTAS ELECTORAIS
"Manuel Marey é unha incorporación da sociedade civil que nos enche de orgullo, é un catedrático de reputación"

PROGNÓSTICO DO 5-A
"En todas as enquisas o PSdeG medra en intención directa de voto dinos que o PP non ten base para a maioría absoluta"

Confía no cobro do Ive de 2017 ou dá os 200 millóns por perdidos?

Cando haxa unha maioría de progreso en Galicia, negociarei un modelo de financiamento a través dun acordo multilateral co conxunto das comunidades que busque os mecanismos para drenar os fondos do Ive pendentes de 2017. Un problema por certo xerado polo PP e para o que impediu unha solución pola vía ordinaria ao rexeitar as contas de 2019.

Que mensaxe lle envaría á xente de As Pontes?

O Goberno está traballando en buscar mecanismos que permitan o mantemento enerxético e a industria en As Pontes, obrigando a empresa a probar novos combustibles, garantindo os postos de traballo e buscando mecanismos de compensación para as auxiliares. Pero a produción de enerxía con carbón deixa de ser viable e nesa vía temos que buscar un plan de reestruturación importante; e o Goberno de España será un aliando importante nese proceso.

Por certo, moléstano as fotos do alcalde, Valentín González Formoso, con Núñez Feijóo?

Eu respecto que representantes institucionais defendan os seus intereses. Eu xa estiven coas auxilares, con transportistas e co comité de empresa e como presidente da Xunta terei o compromiso con As Pontes e capacidade de diálogo para buscar unha solución xunto ao Goberno de España e a UE. A política de confrontación non trouxo nada positivo para Galicia.

Preocúpao o que acontece á esquerda do PSdeG no taboleiro político galego?

O día só ten 24 horas e céntroas todas en fortalecer o PSdeG. Ao resto de forzas progresistas, coas que teño unha relación fluída e positiva, deséxolles a maior sorte, pero o meu reto é convencer os galegos de que o PSdeG é o cambio tranquilo no que poden confiar. Queremos liderar a maioría progresista na que toda Galicia se poida sentir cómoda os vindeiro catro anos, para que ese proxecto dure máis alá dunha lexislatura.

Teme un ‘sorpasso’ do BNG?

O PSdeG acadou ao longo de 2019 medio millón de votos en Galicia e o BNG tivo cento e pico mil. Gobernamos cinco das sete cidades e tres das catro deputacións... Entendo que desde ámbitos conservadores xoguen a dividir a esquerda, pero onde vai estar a campaña é na loita do PP coa dereita, porque Cs e Vox queren entrar en Galicia.

Pero as enquisas non lles dan.

Preocúpame que o PP e Vox, alí onde suman, gobernen xuntos. E que Abascal xa teña comprometido o seu apoio a Feijóo se é necesario. O PP alimentou a Vox desde que empezou a gobernar con eles e Feijóo aplaudiu aqueles pactos. Hoxe Vox é un problema crecente para a sociedade española e para a galega, onde hai tres meses sacou máis de 100.000 votos.

Xa temos listas. A que responde que saque deputados das Cortes para traelos a Galicia?

A que poñemos o mellor do partido nas candidaturas galegas para gañar e gobernar Galicia. Aspiramos a medrar en todas a provincias e nalgunhas como Ourense con especial intensidade.

Quedan fóra nomes de peso como Noela Blanco en Ourense ou Patricia Vilán en Pontevedra. Teme conflictividade interna?

O meu compromiso é facer as mellores listas para o partido. Todo o mundo quere estar pero non se poden facer candidaturas de 200 persoas e correspóndelle ao partido deseñar os mellores equipos.

Manuel Marey é unha das fichaxes para a lista de Lugo.

É un catedrático de altísima reputación nacional e internacional ao que o seu coñecemento do ámbito educativo e a universidade lle dá un perfil moi axeitado para configurar as listas. É unha incorporación que nos enche de orgullo, porque reflicte a puxanza desa sociedade galega que se quere incorporar a este proxecto.

Ten un prognóstico para o 5-A?

Teño enquisas.

E que din?

En todas as enquisas a intención directa de voto reflicte que o PP non ten base para a maioría.

Que é o primeiro que fará se gaña o 5 de abril?

O mellor Goberno para resolver os problemas de Galicia aos que Feijóo non deu solución.

E se perde?

Só barallo o escenario de que haxa maioría de progreso en Galicia.

Moi persoal

Como se evade da política?

Non me evado. Isto é unha dinámica en continuidade.

Fai deporte?

Non teño nin tempo. Antes algo facía, pero desde que cheguei á dirección do PSdeG a dedicación ao partido é plena.

Un lugar para illarse?

As praias de Vigo ou calquera sitio a carón da costa galega.

Ten número da sorte?

Non son supersticioso.

Pero o 38 [cifra da maioría absoluta] estaría ben, non?

¡Eu son máis da década dos 40! [risas]

A súa cor favorita?

O vermello.

Que libro está a ler?

Os últimos libros que lin eran académicos, sobre o Estado emprendedor e as novas versións de conexión entre Estado e Goberno.

Bota de menos a universidade?

Bastante.

Un soño?

Un soño que vai a ser unha realidade: conseguir unha Galicia mellor.

O outro día vímolo moi emocionado e chorando na súa proclamación xunto a Sánchez.

A dedicación política é moi intensa, é difícil conciliar coa familia e nalgún momento afloran sentimentos de débeda que un sente no día a día; pero eu manteño a vida privada á marxe da esfera pública.

"Feijóo quere aparentar moderación, pero leva escritas no fronte as...
Comentarios