Feijóo viaxará a próxima semana a Miami e Nova York

O conselleiro de Economía e algúns empresarios galegos acompañarán ao presidente da Xunta nunha axenda con protagonismo económico e comercial

Feijóo, durante la presentación de los alcaldables populares de cara a las municipales de mayo. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Feijóo, durante la presentación de los alcaldables populares de cara a las municipales de mayo. PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, iniciará a próxima semana unha viaxe institucional a Miami e Nova York, cunha marcada axenda económica e comercial, co obxectivo de reforzar os lazos turísticos de cara ás oportunidades do Xacobeo 2021. 

Feijóo comezará a visita o martes 5 de febreiro. Durante a súa estancia manterá numerosos encontros institucionais, económicos e culturais e, xunto co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, tamén estará acompañado, entre outros, por unha delegación galega integrada por empresas do sector do contract

A innovación, o talento e o investimento serán desta forma os temas centrais dos foros e reunións que se celebrarán con empresarios estadounidenses e nos que se incidirá en mostrar Galicia como un lugar atractivo para investir, co fin de intensificar as relacións comerciais, segundo precisa a Xunta. 

No ámbito económico, ademais, o presidente da Xunta exporá as oportunidades de Galicia ante as Cámaras de Comercio de Miami e Nova York. 

En canto ao turismo, outro dos alicerces será achegar o Xacobeo 2021 non só a mercados fidelizados senón tamén a mercados emerxentes como Estados Unidos. 

O responsable do Executivo autonómico aproveitará os encontros con empresarios e unha visita ao porto de Miami para promocionar o que será "o mellor Ano Santo da historia de Galicia"

Xunto ao Clúster de turismo e os portos da Coruña, Ferrol e Vigo visitará a terminal de colectores e a terminal de cruceiros para, posteriormente, celebrar unha reunión coas principais compañías de cruceiros na cidade. 

O titular do goberno galego tamén se reunirá co alcalde do condado de Miami-Dade, Carlos A. Giménez

Paralelamente, destacan as actividades culturais previstas, como a firma dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Instituto of Fine Arts de Nova York, para a organización do simposio Imaxinando o Camiño de Santiago: itinerarios, narracións, mapas e visións

Ademais, o presidente da Xunta asistirá en Nova York á presentación da exposición Os adeuses, organizada polo Consello da Cultura Galega. 

Durante a viaxe, que se estenderá até o sábado 9 de febreiro, o presidente da Xunta terá ocasión de manter varios encontros coa colectividade galega, para coñecer o seu día a día e agradecer o traballo por preservar e promover a identidade de Galicia e a súa cultura por todo o mundo, entretecéndoa coas identidades, os costumes e as culturas propias doutros lugares. 

Comentarios