A Feira do Butelo da Fonsagrada e a do Caldo de Mourente serán Festa de Interese Turístico

Sobre a mesa quedou unha cuarta solicitude, relativa á Festa dos Callos de Salceda de Caselas

Reunión del Consello Galego de Turismo. EP
photo_camera Reunión del Consello Galego de Turismo. EP

O Consello Galego de Turismo deu este mércores o visto e prace aos informes para declarar tres novas Festas de Interese Turístico galego: a Feira do Butelo da Fonsagrada, a Festa do Caldo de Mourente e a Semana Santa de Santiago de Compostela. Sobre a mesa quedou unha cuarta solicitude, relativa á Festa dos Callos de Salceda de Caselas, por entender a institución que necesita máis documentación e novos informes. E é que na comunidade existen xa unha decena de certames festivos que comparten o mesmo produto.

Os informes relativos ás tres festas aprobadas irán finalmente ao Consello da Xunta para a súa ratificación definitiva.

A directora da Axencia de Turismo, Nava Castro, informou de que, entre outros asuntos, na reunión deste mércores tamén se analizaron informes sobre o comportamento do fluxo turístico en Galicia, sobre a distribución de establecementos hostaleiros ou a trasposición da directiva de servizos coas axencias de viaxes, actualmente a exposición pública e para posibles alegacións por parte do sector. Igualmente abordouse o decreto sobre campamentos turísticos no que como novidade destaca a inclusión das autocaravanas, ata agora sen regulación.

SEMANA SANTA. Respecto das expectativas para a Semana Santa, a directora da Axencia de Turismo de Galicia recoñeceu que "son moi boas". Na zona do litoral galego, indicou que os hostaleiros están á espera de coñecer cun pouco máis de precisión as previsións meteorolóxicas, xa que iso influirá de xeito notable na afluencia de visitantes.

Nava Castro incidiu en que en Galicia existen outras moitas opcións turísticas e de lecer no caso de que o tempo non acompañe durante a Semana Santa, como o caso da ruta dos viños, das camelias, dos faros, ou as distintas festas de interese turístico. 

Comentarios