Un ferido tras caer por un terraplén ao tratar de esquivar dous cans en Outeiro de Rei

O propio condutor, que saíu do coche a través do teito, alertou ao 112

Unha persoa resultou ferida na madrugada do venres ao sábado tras caer por un terraplén ao tratar de esquivar dous cans en Outeiro de Rei. Foi o propio afectado quen alertou ao 112 Galicia do accidente.

Atendendo á información divulgada pola central, o sinistro ocorreu sobre as 2.45 horas da madrugada na estrada LU-111 á altura de Arcos. O vehículo caeu por un terraplén e bateu contra o muro dunha casa ao tratar de esquivar uns animais.

O condutor saíu do turismo a través do teito solar e solicitou asistencia sanitaria debido ao golpe. O 112 solicitou a intervención do 061 e da Garda Civil de Tráfico, ademais de avisar aos Bombeiros de Vilalba e ao servizo de mantemento da vía.