Ferreiro: "Presentarse a un cargo e marcharse a outro ao ano é unha tomadura de pelo"

O alcalde da Coruña nega que teña aspiracións a ser candidato á Xunta

Xulio Ferreiro y Luís Villares, en 2016. XOÁN REY
photo_camera Xulio Ferreiro y Luís Villares, en 2016. XOÁN REY

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), descartou de forma rotunda que teña aspiracións no ámbito político autonómico e puntualizou que sempre lle pareceu "unha tomadura de pelo á cidadanía presentarse a un cargo e ao ano seguinte marcharse a outra cousa".

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, recollida por Europa Press, Ferreiro remarcou que "nunca" viu "o Concello da Coruña como un trampolín para nada". "Non tiven ambicións políticas en ningún momento, situeime aquí para dar un paso adiante para axudar nun proxecto colectivo que era Marea Atlántica, teño a sorte, o orgullo e a satisfacción de ser o alcalde da Coruña", engadiu, asegurando que "está centrado en terminar este mandato e optar á reelección se así o consideran os compañeiros da Marea Atlántica". 

Eludiu responder sobre a consolidación do liderado de Luís Villares en En Marea, alegando que non é o seu debate nin a súa preocupación e limitándose a sinalar que Villares "é o portavoz parlamentario de En Marea, o líder da oposición e ten que seguir facendo ese traballo de oposición tan necesario". 

"Non o sei, iso terao que dicir el, non teño iso na cabeza, aínda queda moito", respondeu á pregunta de se considera que Luís Villares repetirá como candidato. 

Precisamente, preguntado sobre as súas afirmacións pasadas sobre como se estaban facendo as cousas en En Marea, esquivou a pregunta, limitándose a responder que está centrado tan só na política municipal da Coruña. "Eu teño a sensación de que o Concello da Coruña ocúpame moitísimo tempo e moitísimas preocupacións, estou centrado na Coruña, nunca tiven ningunha intención de dar un salto a outro lugar nin ter protagonismos noutro lugar", manifestou. 

"Cando se construíu en Marea botei unha man por responsabilidade, por sentido común e porque se me pediu, pero non quero ser un elemento discordante", resaltou. 

Despois de que a Marea Atlántica reivindicase a súa autonomía de En Marea, Xulio Ferreiro explicou que o "espazo político" da formación "construíuse de abaixo a arriba, por cuestión de tempos e por convicción de que as mareas tiñan que ser proxectos locais". 

"Eu fun o primeiro en arrimar o ombreiro para crear En Marea porque eu entendía que tiña que haber ese paraugas que nos axudase a estar en toda Galicia", aseverou, pero matizando que na campaña das municipais "débese falar das cidades". 

No entanto, remarcou que se mantén aberto á posibilidade de agrupar a área metropolitana da Coruña e de establecer alianzas desde a área metropolitana á provincia. 

Ante as afirmacións de Xosé Manuel Beiras sobre a súa percepción de que as preocupacións da esquerda estaban máis nas enquisas que nas necesidades cidadás, replicou que "preocupacións cortesás as hai en todas partes" pero que non son o que teñen nin o seu equipo nin a Marea Atlántica", situando as súas "preocupacións" na situación dos pensionistas ou en políticas sociais na Coruña. 

Comentarios