A Fiscalía pide disolver Causa Galiza e Ceivar e un total de 102 anos para 12 acusados

O Ministerio Público considera que estas organizacións promocionan "actividades de apoio" a Resistencia Galega 
 
Causa Galiza, en Compostela. CEDIDA
photo_camera Causa Galiza, en Compostela. CEDIDA

A Fiscalía da Audiencia Nacional pide entre 4 e 12 anos de prisión para unha ducia de persoas por "enxalzar" e "xustificar" o ideario da organización terrorista Resistencia Galega a través de Causa Galiza e Ceivar, dúas entidades independentistas para as que ademais reclama a súa disolución. 

No escrito de acusación con data a 29 de outubro, recollido por Europa Press, o Ministerio Público considera probado que once dos doce procesados son "membros constituíntes, responsables de organización e coordinación" de Causa Galiza ou Ceivar, polo que se enfrontan a un delito de pertenza a unha organización criminal. Por iso, e por senllos ilícitos de enaltecemento do terrorismo, Fiscalía pide entre 6 e 8 oito anos de prisión. 

Con todo, tan só reclama 4 anos de cárcere para A.A.C., xa que, a diferenza do resto, só permanece imputado por enxalzar o terrorismo. Este procesado fora condenado en 1993 en sentenza firme por tenencia ilícita de armas, falsidade documental e terrorismo dentro do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive

Segundo consta no escrito de Fiscalía, Causa Galiza, cuxa ilegalización foi deixada sen efecto en decembro de 2016, "desenvolvía actividades concretas orientadas á organización e promoción de actos de apoio aos membros" de Resistencia Galega, así como "ás organizacións terroristas antecesoras desta".

O Ministerio Público solicita a citación xudicial en calidade de testemuñas de, entre outros, o ex portavoz nacional do BNG Xavier Vence

CAMPAÑA DE APOIO A MARÍA OSORIO. Entre estes actos, o Ministerio Público enmarca a campaña de apoio á luguesa María Osorio López, condenada por terrorismo pola Audiencia Nacional en 2013, e varios eventos celebrados polo 25 de xullo, Día de Galicia, e o 11 de outubro, o proclamado Día da Galiza Combatente. 

Así mesmo, Causa Galiza "mantiña unha relación con colectivos do ámbito do independentismo radical e violento a nivel nacional", co obxectivo "de colaborar con eles e expresar o seu apoio e solidariedade coas causas que defendían". 

Por parte de Ceivar, Fiscalía sostén que os seus membros tamén realizaron "actividades de apoio" a membros de Resistencia Galega "aos efectos de complementar a acción da organización terrorista". 
En total, os doce acusados enfróntanse a 102 anos de prisión na Audiencia Nacional. Para esta causa, o Ministerio Público solicita a citación xudicial en calidade de testemuñas de, entre outros, o ex portavoz nacional do BNG Xavier Vence e o actual responsable de Organización do partido, Bieito Lobeira.

"Como procesadas e procesados, defendemos e defenderemos sempre a lexitimidade e a legalidade do traballo político e de solidariedade fronte á represión"

 VALORACIÓN DE CAUSA GALIZA. Ante este escrito de acusación, Causa Galiza emitiu este luns un comunicado no que lamenta o "xiro de 180 graos" desta causa xudicial aberta en 2015, denominada 'Operación Jaro', "cando todo apuntaba á deconstrucción progresiva" do que denomina unha "montaxe". 

Para a organización, o documento de Fiscalía "evidencia un grave salto cualitativo na persecución do independentismo politicamente organizado", por pedir tanto a súa disolución como a de Ceivar. 

Neste contexto, Causa Galiza considera que estas acusacións son unha "decisión político-xudicial" acometida dentro da "máis grave crise do réxime neofranquistas español en 40 anos como resultado do proceso independentista catalán". 

"Como procesadas e procesados, defendemos e defenderemos sempre a lexitimidade e a legalidade do traballo político e de solidariedade fronte á represión desenvolvida á luz do día durante anos" contra "unha práctica independentista que, con represión ou sen ela, sabemos que é o único camiño de futuro para Galicia", conclúe o comunicado. 

Comentarios