"Foime ben cando non era o favorito, por iso agora con estas enquisas estou en maior tensión"

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta e candidato do PP, está convencido da viabilidade de Alcoa, temeroso do coronavirus e firme co seu compromiso con Galicia
Feijóo en la sede de El Progreso SEBAS SENANDE
photo_camera Feijóo en la sede de El Progreso. SEBAS SENANDE

Como leva a campaña? Refírome aos saúdos cos cóbados, as cadeiras separadas…

Gustábanme máis as outras, sen dúbida. Darlle a man á xente facerse fotos, as apertas… Esta é máis fría, pero Galicia está fermosísima e é un pracer volver aos pobos galegos e ter actos en público. É unha experiencia nova.

Por curiosidade, cómo é un día de Alberto Núñez Feijóo en campaña? A que hora se ergue e se deita? Come pouco e mal ou pouco e ben?

Pois vostede acaba de describilo moi ben. Dórmese menos, cómese cando se pode, aínda que eu intento manter unha hora. Se podo non cear, moito mellor, sobre todo para durmir ben. Se durmes pouco, ese tempo hai que durmilo ben. Deste xeito, almorzas máis intenso porque non ceaches. Empezas ás oito da mañá ata as 11 da noite, a esa hora xa normalmente non hai actos. Intento non poñer ceas, porque senón non me dá tempo a preparar o traballo do día seguinte.

E a actividade deportiva?

Intento correr dúas veces á semana, de tres e media a catro e media, antes de comer. O peor da campaña é o coche. Algúns días facemos 500 quilómetros. En definitiva, salvo o coche, estar coa xente, chegar aos pobos, facer os actos en espazos abertos, fermosísimos, en carballeiras ou en parques.

Por enriba as eleccións veñen despois do traballo co Covid. E se se cumpren as enquisas posiblemente tampouco terá vacacións…

A pandemia foi durísima, estao sendo. O virus ademais non se foi. As 14 conferencias de presidentes de 14 domingos consecutivos foi unha época de moito traballo e preocupación. Aquí non estás por obriga, estás porque queres, e ademais como son os galegos os que che teñen que prorrogar o contrato, pois… O importante é que, no caso de obter unha nova maioría, sei que o luns despois das eleccións seguirei traballando.

Precisamente a xestión da crise sanitaria é unha das súas bazas electorais. Podería un rebrote grave converter esa vantaxe nun problema?

Hai zonas de Aragón que volveron á fase 2, nós temos un brote na Mariña. Fixemos 2.000 PCR e buscamos cos rastreadores as persoas de contacto. Pero o importante dos brotes que se poden dar en calquera momento é ter un sistema que sexa capaz de detectar e de tratar de forma rápida esas persoas. Dende o punto de vista sanitario, só hai dúas hospitalizacións: un home de 71 anos e unha muller por unha patoloxía propia que ademais ten coronavirus. Hai 59 contaxiados, o resto está na súa casa, sen ningunha gravidade, e iso é a acreditación de que o sistema está funcionando. Hai un dato moi esperanzador, onte había cero positivos nos 25.000 maiores que están en residencias.

"O brote na Mariña está controlado, non é para volver á fase 2, pero non podemos saber o que vai pasar mañá"

Na Mariña teñen un medo lóxico a voltar á fase 2. En que limiar estaría a adopción de medidas máis drásticas? Refírome se teñen xa unha aproximación de que cifra de contaxios pode conlevar un paso atrás?

Non, non o pensamos. Temos o brote localizado e controlado. Cando tes que pechar é cando o brote é xeneralizado, cando afecta a fábricas, a lugares de ocio ou a organizacións grandes. Cremos que o brote da Mariña sae duns bares, lugares de tránsito de entrada e saída con contaxio sinxelo. Outro dato fundamental para saber a importancia dun brote é o número de hospitalizados e neste momento só hai un, a outra estaría hospitalizada igual. De todos xeitos non se pode saber o que vai pasar mañá, ou a vindeira semana, os brotes van seguir existindo. O virus está aí mentres non exista unha vacina, o contaxio é unha cuestión de responsabilidade persoal, non do sistema sanitario. Esta é unha enfermidade de declaración obrigatoria, por tanto hai que comunicalo ás autoridades sanitarias e illarse.

Que lle preguntaron máis veces: se vai marchar para Madrid ou se pactaría con Vox?

A primeira, pero ten vostede razón, son as dúas que máis me fan. A política ficción é máis interesante que a política realidade. Como nin unha cousa nin a outra, pois contéstase fácil.

Vou preguntar doutro xeito.

A ver se lle podo contestar doutro xeito logo.

A relación do PP de Feijóo co resto do partido é particular. O PP de Feijóo é rara avis, goberna con maioría… pode ser que neste PP vostede non sería presidente nacional, pero noutro si?

Non o sei. Hai dous PP, cando estás no goberno e cando estás na oposición, pero os dous son útiles. Imaxínese que en España non existe o PP, vale, está Vox, Cs como partido imprevisible, os socialistas, os nacionalistas e os populistas. No lle vexo moita alternativa ao noso país, necesitamos un partido de centro-dereita forte, liberal, reformista. Gustaríame que o meu partido gobernase en Madrid, pero non foi posible, pero xa convivín con Rajoy na oposición. Síntome ben no PP. Primeiro, porque me deixan defender Galicia sen ningún tipo de permiso, ata aí podiamos chegar. Segundo, defendo o que penso con absoluta independencia. Terceiro, o partido sabe que son unha persoa leal, funo con Rajoy e sono co presidente Casado.

"Sabemos que profesores que na pandemia mantiveron o contacto cos alumnos e os que non o fixeron"

O tema da educación, despois do sanitario, pode ser o máis influído polo coronavirus. Hai profesores que botaron horas e horas para manter a actividade online… pero hai outros que nin apareceron. Hai que investir en tecnoloxía, en profesorado, por suposto, pero non habería que ter un maior control?

Efectivamente nós sabemos os profesores que mantiveron contacto cos alumnos, e sabemos que noutros casos os contactos foron por debaixo do que era razoable. Esta pandemia dá moita información, hai un novo xeito de comunicarnos, podemos facer videoconferencias sen movernos do despacho. A telemedicina por exemplo é determinante, sabemos como están os doentes, os médicos fan consultas telefónicas. Estas cousas veñen para quedarse, e no ámbito do profesorado igual. Hai profesores que non tiñan contacto coas tecnoloxías, non lles gustaba dar a clase dende un portátil, interactuar… pero no futuro vai ser imprescindible. O portátil ou o teléfono serán coma unha libreta.

Din que nestas eleccións o PP sae con medio partido gañado… parece que só pode fallar, por iso é mellor non arriscar. Estou no certo? É esa a consigna?

A min non me gusta saír de gañador nunca. Na primeira maioría que tiven saín claramente de perdedor, cando me presentei a presidente do partido en Galicia era o menos favorito dos catro, por tanto todo llo debo a situacións onde non era o preferido, e foime ben. As enquisas esta vez danme mellor, por iso son moi escéptico. Estou en maior tensión agora.

"Como vacacións faría o Camiño sen problema, é seguro"

O peche de Alcoa sería un gran golpe para A Mariña e a empresa parece que non atende a razóns.

Levo once anos tratando con Alcoa, non once meses nin once días. Alcoa, como calquera compañía, o que quere é non ter perdas. Se a enerxía supera os 40 euros por megavatio perde cartos. Por tanto, cando se lle deu un prezo sobre 35 euros, Alcoa funcionaba e daba beneficios. Os dous últimos anos dispárase o prezo da luz e o Goberno non cumpre cos compromisos, por tanto estamos nunha situación límite. A min non me preocupa que a multinacional Alcoa marche, porque estou convencido de que poderiamos vender a planta a outro operador, pero non podemos porque non hai ningún operador que a este prezo de enerxía poida producir aluminio. O Goberno estalle poñendo moi fácil marchar. A min dáme igual Alcoa ou outra, a min váleme calquera persoa que queira investir en Galicia. Hai gobernos como o alemán ou o francés que están dando créditos a empresas, este venres o Goberno español aproba 10.000 millóns para inxectar en sectores estratéxicos. Ou se fai unha tarifa competitiva ou se inxecta capital durante un tempo ata que chegue esa tarifa e despois saír. Válenme as dúas opcións, o que non me vale é pechar Alcoa, unha empresa é viable se o prezo da luz é competitivo.

No eido económico, o turismo segue bastante parado e preocupa o Camiño. Se tivese vacacións, vostede iría tranquilo?

Si, faría o Camiño sen problema. Levámolo estudando hai meses, temos manuais para peregrinos, para empresarios, coa igrexa. Galicia é un lugar seguro para vir de vacacións, o único é que hai que poñer máscara e gardar a distancia. Ter moitísimo coidado co ocio nocturno. Ir a unha discoteca con máscara? Pois si, senón non podes ir. O Camiño é un lugar aberto, o problema son os lugares pechados, con ventilación forzada, cantando e bebendo.

"Que digan o que lles pete, o importante é a verdade"

En 20 anos poden ser preto de mil entrevistas? Ser orixinal nas cuestións é difícil. Própoñolle unha vista atrás. Elixa unha cousa boa que fixo. (Ten tempo límite).

(Risas) Estou orgulloso de que os galegos me votasen, con uve, durante estes tres mandatos consecutivos. Un político pode ter ideas, ser brillante, ser un bo xestor, mellorar estradas e infraestruturas, pero ao final o político precisa o refrendo popular, por tanto do que me sinto orgulloso é de telo recibido.

Algo que tería feito doutro xeito, doutra maneira. (Aquí pode estenderse).

(Máis risas) Home, todo o que tentei conseguir e non puiden. Boto de menos que a xente poida coñecerme un pouco mellor. Ao final un político é o resultado da sensación que dá diante dunha cámara de televisión, nunha entrevista radiofónica, da linguaxe que utiliza nunha entrevista, non é posible coñecelo. Gustaríame que me coñeceran un pouco mellor, e mira que levan aturándome bastante tempo. Que coñecesen o Alberto Núñez Feijóo que naceu nunha aldea dos Peares, que estudou Dereito, que estivo en Madrid, que volveu, e que tivo a sorte de ser o presidente da súa comunidade autónoma.

Tenlle medo a esta última semana? É a das cartas na manga e os trapos suxos?

Xa, pero non. Todo o que puideron difamarme xa está pasado. Dáme exactamente igual, que digan o que lles pete, o importante é se é verdade ou mentira. Seguro que cometín erros na miña vida, pero non me preocupa para nada. Teño a conciencia absolutamente tranquila. O único que me preocupa nesta última semana é que poida haber brotes e nese caso poder controlalos.

Que lles diría aos indecisos? En concreto a ese tipo de indeciso traizoeiro que nunhas eleccións vota ao PP e nas seguintes ao BNG?

Eu pediríalle a todos os galegos que vaian votar, que é o mesmo que apostar por Galicia. Cada un pode votar o que considere oportuno, pero se un quere a Galicia ten que ir votar o día 12. Non pido máis, cada quen sabe cal pode ser a mellor opción. O que me den o 12 ben dado estará. Que non teña reparo, os colexios electorais están limpos e preparados. Son 15 minutos que valen por catro anos.

Comentarios