A folga de médicos ten en Galicia un "seguimento dispar"

Arrincou sen "grandes incidencias"
Folga de médicos. EFE
photo_camera Folga de médicos. EFE

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) constata un "seguimento dispar" da folga de facultativos en Galicia, posto que na Atención Primaria "está a ser máis baixo" que nos hospitais. Iso si, a organización convocante destaca que arrincou sen "grandes incidencias". 

En declaracións a Europa Press, o presidente de CESM Galicia, Ramón Barreiro, recoñeceu que existe esta disparidade e criticou que os servizos mínimos postos "son moi altos". 

A falta de cifras concretas sobre a participación na Comunidade galega, si explicou que no Hospital do Salnés, onde el mesmo traballa, "soamente 13 persoas" de "uns 70 facultativos" non a secundaron. 

Sobre os motivos que levaron á confederación de sindicatos a convocar esta folga a nivel estatal, Barreiro explicou que "nos últimos tempos houbo moitos e moi variados", pero o detonante foi a publicación hai semanas do Real Decreto Lei 29/2020, que "permite que sexan contratados facultativos sen titulación de especialista". "Son contratados de forma exprés e sen os debidos requirimentos de homologación de títulos extracomunitarios", lamentou. 

Así mesmo, asegurou que a normativa "permite que especialistas sexan desprazados" para exercer en "outra especialidade que non sexa a súa". "Por moi preparado que estea un especialista, ter que prestar atención noutra especialidade crea unha tensión e unha sensación de desvalimento, porque ninguén pode controlar todos os coñecementos de todas as especialidades", criticou o presidente de CESM Galicia. 

Ao seu modo de ver, esta situación "vai producir unha deterioración importante da calidade asistencial e da seguridade clínica dos pacientes".

BOLSA DE LICENCIADOS SEN ESPECIALIZACIÓN. Neste contexto, Ramón Barreiro negou a premisa de que en España non haxa médicos, posto que existe "unha gran bolsa de titulados en Medicina --uns 7.000, segundo as súas cifras-- que non puideron acceder á formación especializada". "Unha boa solución empezaría por aumentar a oferta de prazas MIR", suxeriu. 

A isto súmase, continuou, o gran número de facultativos emigrados: "Se marcharon, é porque aquí non vían futuro, porque a contratación é totalmente inestable e precaria e porque as condicións non son as que se ofrecen en países como Reino Unido, Suecia ou Alemaña". 

Preguntado sobre se unha pandemia é o mellor contexto para unha folga, o presidente de CESM Galicia explicou a Europa Press que "é o que tocou". "O decreto publicouse nesta situación e non había máis remedio que facerlle fronte e plantarlle cara". 

De feito, censurou que o Ministerio de Sanidade "non tivo ningún xesto de diálogo nin ningunha intención de retiralo ou modificalo (o decreto)". "Foi cando foi, non había outra posibilidade", insistiu, para seguidamente lembrar que hai "outras organizacións, sindicais e non sindicais", que apoian a folga.

APOIOS. Aínda que CESM, como confederación de sindicatos, fose a única organización convocante, por parte de O'Mega, o seu secretario xeral, Manuel Rodríguez Piñeiro, mostrou o apoio deste sindicato de médicos á convocatoria, pero "se se convoca polo Real Decreto do Goberno", matizou posteriormente. 

En declaracións a Europa Press, puntualizou que O'Mega non pode secundar a convocatoria pola demanda xudicial presentada ante un Real Decreto "ilegal e antitodo". "Ao interpor unha demanda non podemos convocar", xustificou en relación a esta folga, que apoian "totalmente" e "de maneira incondicional". 

Respecto diso, o portavoz da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), Jesús Sueiro, comentou que "hai moitos motivos para facer folga", pero engadiu que é "un pouco delicada a situación para convocar" agora. Neste sentido, aínda que ve "motivos infinitos" para ir á folga, en concreto polo Real Decreto que "permite a contratación de persoal sen especialidade", considera que neste contexto actual de pandemia non procede. 

Así o considera tamén a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, que a través dun comunicado aseveraba que "non é o momento de folgas sanitarias", senón de incrementar os orzamentos sanitarios e os cadros dos centros con "carácter urxente". 

"Aínda que compartamos o rexeitamento á incorporación de profesionais sen a debida acreditación dunha formación específica similar ao MIR que garanta a seguridade e a calidade da atención, consideramos que a resposta non debería ser unha folga que reduza aínda máis a actividade sanitaria de persoal recortado polas políticas neoliberais do PP, cando á mortalidade por Covid hai que sumar a mortalidade por outras enfermidades", sentenciou a asociación.