Formoso suxire unha coalición PSOE-Podemos tras as autonómicas

Ve o pacto a nivel nacional "perfectamente extrapolable" a Galicia 
Valentín González Formoso. AEP
photo_camera Valentín González Formoso. AEP

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, defendeu este venres as fórmulas de coalición para conformar gobernos e dixo que o pacto entre PSOE e Unidas Podemos "é perfectamente extrapolable" ao Goberno galego de cara ás próximas eleccións autonómicas.

"É unha fórmula da que eu son defensor porque dá un resultado favorable, nesta institución funciona", afirmou González Formoso esta mañá nunha rolda de prensa na sede da Deputación da Coruña, aínda que engadiu que "queda un ano de traballo para que as forzas políticas presenten o seu traballo".

Preguntado polo preacordo para un Goberno de coalición asinado entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, valorou que se trata dunha fórmula "sen maioría absoluta" que supón un paso "para garantir a gobernabilidade" e que "comparte unha visión progresista do mundo".

"Non podemos estar nun Goberno en funcións", indicou o tamén secretario provincial do PSOE na Coruña, e engadiu que "a cidadanía decidiu a forma de gobernabilidade".

Así, reiterou que cunha coalición "non lle vai mal a esta provincia", polo que opinou que lle pode ir ben ao Estado".

Comentarios