Vento, choiva e ata neve en Galicia tras o virulento paso da borrasca Gisele

Viveiro rexistrou un refacho de vento de máis de 100 quilómetros por hora este xoves

Paraguas rotos en Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Paraguas rotos en Pontevedra. RAFA FARIÑA

Tras o virulento paso de Gisele, Galicia continúa este xoves baixo a influencia das borrascas, noutro día marcado polo vento, a choiva e ata a neve en cotas superiores aos 1.000 metros, que está a provocar algunhas restricións de tráfico na Montaña.

Varias alertas están activas na comunidade: por precipitacións acumuladas de máis de 40 litros por metro cadrados en zonas da Coruña e en toda a provincia Pontevedra; por neve na montaña de Ourense; e en todo o litoral galego por ventos de forza sete. Ademais, a costa de Pontevedra e A Coruña están baixo alerta laranxa por ondas de ata sete metros e na Mariña lucense o aviso é amarelo tamén por ondada. 

De feito, o vento xa deixou refachos máximos de 104,9 quilómetros por hora nas primeiras horas deste xoves no municipio de Viveiro e as choivas acumulan 18,8 litros por metro cadrado en Fornelos de Montes (Pontevedra).

Segundo os rexistros de Meteogalicia ata as 9.00 horas, recollidos por Europa Press, o vento tamén superou os 100 quilómetros por hora noutras zonas de costa como Cedeira (A Coruña), con 100,2 km/h, mentres que alcanzou os 90,1 en Oia (Pontevedra). 

Nas primeiras horas deste xoves en zonas de montaña o vento deixou refachos máximos de 87,9 quilómetros por hora en Manzaneda (Ourense) e 87 km/h en Cervantes (Lugo). 

CHOIVAS COPIOSAS. En canto ás choivas, nas primeiras horas deste xoves ademais dos 18,8 litros por metro cadrado en Fornelos de Montes (Pontevedra), rexistráronse 15,4 litros en Boqueixón (A Coruña), 14,5 en Entrimo e 14,2 en Arbo (Pontevedra) e 13,7 en Antas de Ulla (Lugo). 

Na xornada do mércores os refachos máximos de vento alcanzáronse en Carballeda de Valdeorras (Ourense), con 144,3 quilómetros por hora e os 138,6 en Vimianzo. Pola súa banda, as choivas deixaron 82,9 litros por metro cadrado en Santa Comba e 57,9 en Manzaneda. 

Comentarios