A Fundación contra o Narcotráfico pide "separar ficción de realidade"

O colectivo ve positivo "visibilizar" o problema do narcotráfico pero reclama que non se equipare a situación actual de Galicia co "pasado" narrado en obras como Fariña

Un alijo incautado por las autoridades policiales. AEP
photo_camera Un alixo incautado polas autoridades policiais. AEP

A Fundación Galega contra o Narcotráfico asegurou que é positivo "visualizar" a problemática do narcotráfico, que "se alimenta do silencio", aínda que reclamou que se separe a "ficción da realidade" e non se equipare a situación actual de Galicia ao "pasado" narrado en obras como Fariña. 

Nun comunicado ante a "proliferación de publicacións que actualmente abordan o fenómeno do narcotráfico en distintos medios de comunicación", a fundación asegurou que falar do tema é "moi importante e positivo", dado que "o crime organizado se alimental do silencio e do medo". 

Xa que logo, benvido sexa falar do problema para informar e sensibilizar á sociedade ante a "grave ameaza que supón o tráfico de drogas para a saúde e a seguridade de todos", recolle o comunicado que, no entanto, insta a separar "o pasado do presente". 

Neste sentido, e aínda que apuntan que "é bo coñecer a historia", a fundación aclarou que no caso galego e en termos xerais "as situacións que se retratan en moitos casos son historia, o relato dun período bochornoso no que o narcotráfico, aproveitando a aceptación social do contrabando, tratou de asentarse e lexitimarse" na sociedade. 

"Un tempo escuro que chegou a comprometer seriamente o futuro da nosa terra. Desde aquel entón ata hoxe as cousas cambiaron, e moito", apuntou.

REXEITO SOCIAL. A entidade recordou que a conciencia social, o labor da Xustiza e as forzas de seguridade lograron identificar, rexeitar e condenar aos narcotraficantes e "a todas as complicidades que se viñeron tecendo desde os tempos do contrabando na política, nas institucións, na xustiza, nas forzas da orde e no seo da propia sociedade". 

O tempo "inicial" no que o narcotráfico "gozaba de impunidade e contaminábao case todo está superado", aínda que "o problema non está —nin moito menos— resolto", recordan. No entanto, hoxe en día, en Galicia, os traficantes "son criminais que están absolutamente á marxe da lei, que delinquen ás agachadas e co rexeitamento maioritario e inequívoco da sociedade galega". 

Do mesmo xeito, a fundación pide separar "a ficción da realidade", xa que "un narcotraficante non é ningún benefactor, non é máis que un vendedor de veleno, un delincuente que fai moito dano á súa propia terra, causando a dor de miles de familias". 

Por contraposición, insta a honrar "o recordo dos miles de enfermos e as súas familias, a memoria de quen arruinaron as súas vidas co drama da adición ás drogas e a memoria de quen loitan contra esta secuela". "Nunca a de quen trouxeron -e traen- a droga ás nosas rúas", indican. 

Para finalizar, a fundación advirte de que "este nefasto exemplo do pasado, o dos mozos que querían ser contrabandistas non debe repetirse". "Non fagamos que agora os nosos nenos e novos queiran ser narcotraficantes de maiores, porque non hai unha soa historia destas que acabe ben", inciden. 

Comentarios