jueves. 01.10.2020 |
El tiempo
jueves. 01.10.2020
El tiempo

A galega Biofabri empezará a fabricar a vacina da covid-19 "en dous ou tres meses"

Vista do departamento de produción de Biofabri, do grupo Zendal. SALVADOR SAS (EFE)
Vista do departamento de produción de Biofabri, do grupo Zendal. SALVADOR SAS (EFE)
A planta do Porriño está a facer a "transferencia tecnolóxica", adquirindo maquinaria e reforzando persoal 

A planta de Biofabri no Porriño, do grupo biofarmacéutico Zendal, iniciará a produción da vacina contra a covid-19 "en dous ou tres meses" e, aínda que o volume de fabricación depende de varios factores, avanzou que producirá "centos de millóns" de doses. 

Así o trasladou, en declaracións aos medios, o Conselleiro Delegado de Zendal, Andrés Fernández, que explicou que, nestes momentos e tras o acordo coa farmacéutica americana Novavax, Biofabri iniciou o proceso de transferencia tecnolóxica e de dotación de equipamento para levar a cabo a fabricación. 

Unha vez finalizada esa transferencia, na que tamén traballan con persoal de Novavax desprazado ao Porriño, iniciarase a produción da vacina, en paralelo á realización dos ensaios da fase 3. "Están a facelo todas as empresas farmacéuticas, adiantar a produción (antes de que acabe a última fase de ensaios) para que, en canto se poida, a poboación poida vacinarse", precisou. 

Nestes momentos, sinalou, Biofabri está a adquirir a maquinaria precisa para dar resposta ao elevado volume de fabricación, que alcanzará os "centos de millóns" de doses, e para multiplicar a súa capacidade de envasado aínda que, no contrato asinado con Novavax, o proceso de envasado non está contemplado "de momento". "Fabricaremos todo o que podamos fabricar", subliñou o CEO do grupo. 

Segundo sinalou Andrés Fernández, o grupo Zendal "leva tempo traballando neste proxecto" e houbo que facer adaptacións" na planta de Biofabri e "pedir axuda á Axencia do Medicamento para que inspeccionase a nova instalación". 

Ademais, recordou, a biofarmacéutica traballa desde hai anos no desenvolvemento da vacina MTBVAC contra a tuberculose e, neste tempo, foi "buscando clientes". "Tiñamos contacto con Novavax, e grazas a eses contactos e ao traballo de desenvolvemento de negocios durante estes anos, agora imos fabricar a vacina aquí", recalcou.

REFORZO DE PERSOAL. O CEO de Zendal sinalou, así mesmo, que o 70 por cento dos algo máis de 300 traballadores do grupo está a traballar en proxectos relacionados co SARS-COV-2 (o do acordo con Novavax e outros dous proxectos co CSIC). Ademais, incidiu, incrementou o seu persoal e volverá contratar persoal sempre que sexa necesario, aínda que precisou que require de traballadores con experiencia "e formación previa". 

"Todos temos que axudar na pandemia, e hai moi poucos fabricantes (da vacina) en Europa. A nosa capacidade é pequena, por iso estamos a apostar moi forte para levar isto adiante e poder fabricar máis cantidade de vacinas", afirmou Andrés Fernández, quen recordou que a comercialización deste produto dependerá dos permisos das axencias sanitarias, e que empezará "probablemente no segundo semestre do ano que vén". 

A galega Biofabri empezará a fabricar a vacina da covid-19 "en dous...
Comentarios