viernes. 24.01.2020 |
El tiempo
viernes. 24.01.2020
El tiempo

O galego, valor engadido na empresa

Primeira reunión do plan de dinamización da lingua no tecido económico da Xunta, o 1 de setembro de 2016. AEP
Primeira reunión do plan de dinamización da lingua no tecido económico da Xunta, o 1 de setembro de 2016. AEP

A lingua vende ▶ Galicia é sinónimo de calidade e, ademais, está de moda. Baixo esta premisa Política Lingüística vén de elaborar un decálogo que amosa que o idioma da terra é o mellor envoltorio para un produto, con dez motivos que desterran o falso tópico de que os negocios e a fala non casan ben. A experiencia di que a maridaxe é moi ben avida

O GALEGO vende. Nuns tempos nos que Galicia está de moda, o seu idioma constitúe unha ferramenta que engade valor aos produtos autóctonos que, á súa vez, exercen como embaixadores da fala. Esta simbiose, que é moi positiva, é o que pretende amosar a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta a través dun decálogo que vén de lanzar e que acaba por desterrar a idea errónea de que o mundo da empresa e o galego non maridan ben.

Un tópico que se encarga de romper a propia realidade, porque se hai apenas unha década era bastante difícil –por non dicir case imposible– atopar un produto etiquetado en galego, hoxe cóntanse por centos os que chegan aos mercados. Un crecemento que tamén é aplicable ao uso da lingua na comunicación interna das compañías, a publicidade, o márketing, as relacións laborais...

Calquera terreo se dá ben para abonar o galego. E baixo esta premisa o departamento autonómico que dirixe Valentín García, que acaba de ver os seus orzamentos ampliados a 8 millóns para 2019, dá un novo pulo ao seu plan de dinamización da lingua no tecido económico 2016-2020 con dez chaves que mostran que o galego non resulta nunha vantaxe competitiva no eido empresarial.

1 Mellor atención aos clientes

As empresas deben estar en condicións de poder atender á clientela na súa lingua de preferencia e non perder de vista que 1,3 millóns de habitantes da comunidade son galegofalantes. Está probado: o uso do idioma na empresa mellora a calidade do seu servizo, ofrece un trato máis próximo, amosa empatía, xera maior confianza e fideliza os usuarios.

2 Diferenciación da marca

Un dos aspectos máis importantes do uso do galego na empresa é que contribúe á diferenciación na imaxe da mesma fronte aos competidores. O galego na publicidade ou na rotulación mellora a competitividade ao facilitar a identificación da empresa. Ademais, asocia de inmediato o produto coa marca Galicia, que por méritos propios consolidouse como estándar de calidade. Así, a fala xera confianza polo valor que adquire un ben asociado ao territorio e, ademais, crea conciencia, pois o produto suma prestixio a través de valores culturais e identitarios, o que reforza o compoñente emocional.

3 Responsabilidade social

O uso do galego demostra unha implicación da empresa coa comunidade. A lingua tamén pode formar parte da estratexia de responsabilidade social empresarial, xa que co seu emprego a compañía amosa a súa contribución á sociedade e demostra o seu compromiso con valores como o respecto ás minorías, á diversidade ou ao plurilingüismo.

4 Clima laboral de confianza

O uso do idioma propio na empresa garante o respecto aos dereitos lingüísticos do persoal. A comunicación en galego no traballo mellora o clima de confianza entre os directivos e o resto de persoal e tamén unifica o grupo e tece lazos entre compañeiros. Á vez, o emprego do idioma pode contribuír a xerar entre o persoal un maior sentimento de pertenza á organización e, polo tanto, incrementar a súa implicación na empresa.

5 Abre as portas do Brasil

O galego é útil en Galicia, un mercado de máis de 2,7 millóns de consumidores, pero ademais abre as portas á lusofonía pola súa proximidade estrutural e a súa intercomprensibilidade co portugués, lingua oficial no país veciño e no Brasil. O mercado carioca está en expansión e compóñeno 200 millóns de consumidores, algo a ter moi en conta polas empresas galegas nos seus procesos de internacionalización.

6 Denominación na etiqueta

Outro aspecto que pon en relevo a vantaxe competitiva da lingua. Un produto que está etiquetado en galego identifícase inmediatamente coa comunidade e, polo tanto, con excelencia. Se está feito en terras galegos é auténtico, o que lle dá prestixio e aumenta a confianza do consumidor nel.

7 Quilómetro cero

O uso do galego favorece o trato con provedores de proximidade, o que fomenta o consumo de produtos de quilómetro cero; isto é, que se producen nun radio próximo ao consumidor final. Un botón de mostra son os restaurantes que apostan cada vez máis por xénero procedente da proximidade, que está a ser o de referencia no panorama gastronómico.

8 Industria das linguas

A mobilidade e o plurilingüismo xerados pola globalización están a facer xurdir un importante sector económico, a industria lingüística: tradución, edición e revisión de textos, ensino de idiomas... O desenvolvemento dunha industria da lingua pode supoñer, pois, un notable impacto en termos de PIB e de emprego. A modo de exemplo: o éuscaro –que se fala menos que o galego– xera arredor de 56.000 empregos –o 6,3% dos traballadores vascos– e representa o 4,2% do PIB dese territorio.

9 As redes, aliadas do galego

A presenza da fala nas novas tecnoloxías facilita que as compañías a empreguen na súa actividade diaria. Os tradutores automáticos, correctores ou dicionarios online facilitan enormemente o emprego da lingua en rótulos, publicidade, comunicacións... Por outra banda, a existencia do dominio de internet .gal axuda a identificar as empresas galegas, que acadan deste xeito unha maior visibilidade na rede. Este dominio, impulsado pola Xunta en todos os seus departamentos, supón unha marca diferenciadora no mundo globalizado por excelencia: o virtual.

10 Éxito contrastado

Non hai mellor exemplo de que o galego vende que comprobar o éxito das empresas que apostaron por el. A lingua non entende de sectores: R, Massó, Zeltia, Pescanova, Sargadelos, Castromil, Construcións Malvar, Vego, Gadis, Deleite, Hoxe... A lista, á que se suman compañías máis pequenas –sobre todo do sector alimentario– é moi ampla e reforza a idea de que a lingua é o envoltorio perfecto para un produto con calidade galega.

O galego, valor engadido na empresa
Comentarios