miércoles. 30.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 30.09.2020
El tiempo

Galicia en Común propón debates sectoriais na CRTVG durante a campaña electoral

Antón Gómez-Reino. EFE
Antón Gómez-Reino. EFE
Gómez-Reino cre que Feijóo "non quere campaña" e avisa que estarán "vixiantes" dos actos que organicen os populares

A coalición Galicia en Común-Anova Mareas considera que a Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) debe asumir un papel protagonista na "anómala" campaña para as eleccións do 12 de xullo organizando, ademais de encontros entre as cabezas de lista, debates sectoriais nos que as distintas candidaturas confronten os seus proxectos para cada área.

Este martes, nunha rolda de prensa telemática, o portavoz de En Común, Antón Gómez-Reino, sinalou que, após a confirmación de que os galegos están chamado ás urnas o 12 de xullo, o equipo de campaña da coalición iniciou as súas reunións para planificar as próximas semanas.

Unha campaña que, como apuntou Gómez-Reino, será "diferente" e na que cobrarán especial protagonismo os medios telemáticos, pois "a saúde" estará por encima de todo. "Non imos facer nada que poida insistir na irresponsabilidade que xa é convocar eleccións neste momento", incidiu antes de subliñar que "a preocupación fundamental" de Galicia en Común "é a situación sanitaria e epidemiolóxica do país".

Neste sentido, En Común cre que os medios públicos de Galicia deben "reforzar" o seu papel para facer chegar aos galegos as propostas políticas en liza o 12 de xullo. Para iso, propoñen a celebración de debates na CRTVG que non se limiten aos candidatos á Presidencia da Xunta, senón que se abran a mesas "sectoriais" nas que as distintas opcións políticas confronten os seus proxectos.

"Feijóo leva 60 días en campaña e anos e anos facendo propaganda", sinala Gómez-Reino

"A campaña evidentemente ten que ser diferente e tense que garantir a saúde dos galegos e os seus dereitos democráticos, que se poidan informar de forma democrática e igualitaria", incidiu Gómez-Reino, que expresou a súa oposición a que a campaña reduza a súa duración.

"Feijóo leva 60 días en campaña e anos e anos facendo propaganda e convertendo a CRTVG nun medio para a súa propaganda. É máis que evidente que non quere unha campaña electoral", engadiu antes de avanzar que estarán "vixiantes" para que o PP "non cometa imprudencias" durante a campaña do 12J, na que "referentes políticos" da coalición como o vicepresidente Pablo Iglesias ou a ministra Yolanda Díaz acompañarán a Galicia en Común adaptándose aos actos "sen risco" que deseña a candidatura de confluencia.

Por último, após ser cuestionado sobre a posibilidade de que En Marea decida presentarse esta vez ás Autonómicas (non o fixo para as suspendidas en abril), Gómez-Reino evitou pronunciarse ao respecto. "Terán que ser as persoas que quedan en En Marea os que decidan que queren facer a nivel electoral", apostilou.

Galicia en Común propón debates sectoriais na CRTVG durante a...
Comentarios