Galicia, a comunidade con peor saldo vexetativo: 15.631 mortes máis que nacementos

En 2019, os nacementos caeron ao seu nivel máis baixo desde que hai rexistros
photo_camera Galicia rexistra en 2019 o peor saldo vexetativo entre comunidades. AEP

Galicia rexistra en 2019 o peor saldo vexetativo entre comunidades, con 15.631 mortes máis que nacementos, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estadística (INE). 

En concreto, houbo 15.601 nacementos, un 5,8% menos que o ano anterior --por encima do 3,5% de diminución en España--, así como a cifra máis baixa desde que hai rexistros. Supoñen 6.446 menos que os 22.047 que había en 2010. 

Pola súa banda, producíronse 31.232 falecementos en Galicia en 2019, polo que hai un descenso do 3,7% respecto de 2018. Trátase da primeira baixada desde o ano 2014. 

Deste xeito, Galicia acumula tres décadas sen un saldo vexetativo positivo. As seguintes comunidades con peores datos en 2019 foron Castela e León (-14.299) e Principado de Asturias (-7.741). 

Pola súa banda, os nacementos en España descenden case un 30% nunha década e 2019 rexistra a cifra máis baixa desde 1941

SOBE A ESPERANZA DE VIDA. A esperanza de vida continúa á alza en Galicia, posto que para os nados en 2019 sobe ata 83,52 anos (era de 83,09 anos en 2018). 

Con todo, hai diferenzas por sexos, xa que a esperanza de vida para as mulleres é de 86,31 anos, mentres que a dos homes é de 80,64 anos. 

Comentarios