jueves. 09.04.2020 |
El tiempo
jueves. 09.04.2020
El tiempo

"Galicia conta con 21 balnearios que ademais de lecer ofrecen usos terapéuticos e curativos"

Lorena Casal Otero
Lorena Casal Otero

A profesora da USC Lorena Casal Otero é unha das autoras dunha novidosa guía interactiva que divulga o termalismo galego na escola

Galicia é unha das rexións con máis termalismo de Europa e cada balneario é un tesouro que, ademais de ser unha fonte de lecer e relax, tamén posúe innumerables propiedades medicinais e curativas. Coa fin de mostrar esta riqueza aos máis pequenos nace a guía didáctica sobre as augas termais galegas, creada pola Cátedra de Hidroloxía Médica da USC. Non só é un libro para nenos, senón tamén un documento do máis interesante para todos os galegos, como conta unha das súas autoras, a profesora Lorena Casal Otero.

¿En que consiste a guía didáctica de balnearios de Galicia?

É un recurso didáctico que pretende achegar ao alumnado de quinto e sexto de primaria e de primeiro e segundo de Eso o coñecemento da importancia da auga e, en especial, das augas mineromedicinais e a súas aplicacións para a promoción da saúde, o tratamento de enfermidades e a búsqueda do benestar.

¿Pode acceder máis xente a ela ademais de alumnos?

Si. A materia da guía está relacionada cos contidos escolares pero pode acceder calquera. De feito, xa está dispoñible de forma gratuíta en formato PDF. En canto a soporte papel, pode conseguirse a través do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC ou outras canles de venda, coma por exemplo Amazon.

¿Como funciona a guía?

Como dicía, ofrécese tanto en formato dixital coma en papel e está dividida en cinco unidades didácticas que exploran o ciclo da auga na natureza, as augas mineromedicinais, a balneoterapia e hidroterapia e os 21 balnearios que temos en Galicia. No proxecto pretendimos potenciar a interactividade, favorecendo unha aprendizaxe activa e flexible. Neste senso, conta con material accesible a través de códigos QR ou actividades creadas na plataforma Kahoot!. Ademais, os 21 balnearios galegos foron reconstruidos na guía íntegramente con realidade aumentada.

¿Poden ser visitados virtualmente?

Si. O recurso de realidade aumentada consiste nun mapa de Galicia que elaboramos para este proxecto no que están localizados os marcadores dos 21 balnearios. A interacción con este mapa realízase a través de calquera dispositivo móbil que teña instalada a aplicación gratuita que se indica no propio manual. Grazas á realidade aumentada, o alumnado achégase aos balnearios de Galicia de forma interactiva e podendo realizar diferentes actividades tanto na aula coma nas súas casas.

Supoño que a maioría deses 21 balnearios estarán en Ourense, xa que está considerada a provincia termal por excelencia.

A guía recolle sete balnearios en Ourense, pero tamén nas outras tres provincias galegas. Incluso hai máis en Pontevedra: oito. 

¿E cantos existen en Lugo?

En Lugo contamos con catro: o de Oca Augas Santas en Pantón; o hotel con balneario e clube de golf de Guitiriz [hoxe pechado]; o de Río Pambre, en Palas de Rei; e as Termas Romanas de Lugo. Na provincia da Coruña, pola súa banda, hai dous.

¿Como xurdiu a idea de desenvolver esta guía?

Foi iniciativa do profesor Juan Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC. Quería achegar a riqueza e beneficios dos balnearios de Galicia aos máis novos, utilizando para iso diferentes recursos dixitais. Consideramos fundamental crear unha contorna de aprendizaxe que combinara diferentes códigos textuais e audiovisuais, con recursos didácticos que enriquecen o material impreso e que aportan motivación e interactividade á aprendizaxe. 

A guía parece idónea para todos aqueles que van a un balneario buscando relaxarse pero descoñecen os beneficios das súas augas para a saúde.

Si. A fin é dar a coñecer os usos terapéuticos, a cura balnearia, os diferentes métodos de aplicación das augas mineromedicinais e as principais patoloxías que se tratan, pero sen deixar de lado o lecer.

"Galicia conta con 21 balnearios que ademais de lecer ofrecen usos...
Comentarios