Galicia pide establecer dous tipos de aforamento nas praias en función da marea 

A Consellería de Sanidade confía en que o Ministerio acepte a súa solicitude
Praia de Silgar, este domingo. JAVIER CERVERA
photo_camera Praia de Silgar, este domingo. JAVIER CERVERA

A Consellería de Sanidade solicitou este luns ao Ministerio de Sanidade a posibilidade de que os concellos galegos que así o consideren "poidan establecer dous tipos de aforamentos diferentes" nas praias, en función da baixamar e a preamar. 

Segundo informou a Xunta, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, remitiu unha carta ao ministro Salvador Illa na que fai esta petición en base ás características das praias e areais galegos, "con grandes diferenzas entre preamar e baixamar". 

"O actual cálculo considera que para obter o aforamento máximo permitido nas praias, tense que considerar unha superficie por bañista de aproximadamente catro metros cadrados", expuxo Sanidade nun comunicado. "Para facer este cálculo, hai que descontar da superficie útil da praia, como mínimo, unha franxa de seis metros a contar desde a beira da preamar", engadiu. 

Segundo expón o titular de Sanidade, esta restrición "impediría o uso de moitos dos areais galegos". A "solución" que propón Almuiña para calcular o aforamento en baixamar, subliña a Consellería, "pasa por descontar da superficie útil da praia unha franxa de catro metros desde a liña de baixamar". 

Mentres, puntualiza a Xunta no mesmo comunicado, "en preamar habería que descontar da superficie útil unha franxa dun metro desde a liña de preamar". 

"A Consellería de Sanidade confía en que o Ministerio (de Sanidade) acceda a esta petición", concluíu. 

Comentarios