Galicia rexistrou 60 asasinatos machistas entre 2003 e 2019

Un estudo do Observatorio contra a Violencia de Xénero constata que o 74% das vítimas en toda España non denunciaran ao seu agresor. Nun centenar de casos, a convivencia continuaba a pesar da existencia dunha denuncia previa
Lazos en una concentración contra la violencia de género. EFE
photo_camera Lazos nunha concentración contra a violencia de xénero. EFE

Galicia rexistrou polo menos sesenta feminicidios entre xaneiro de 2003 e o 20 abril de 2019. O Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero publicou un estudo no que se analizan os crimes machistas ocorridos en España entre o momento no que empezaron a contabilizarse as cifras de mulleres mortas a mans das súas parellas ou exparellas e o día no que este indicador chegou ao milleiro de casos. 

A maioría deses asasinatos machistas rexistráronse nas provincias de Pontevedra e A Coruña, as máis poboadas —con 27 e 21 vítimas—, respectivamente. Outros seis feminicidios rexistráronse en Lugo e seis máis en Ourense. 

Con estes números, a comunidade presenta unha taxa de vítimas mortais que ascende a 2,9 ao ano por cada millón de mulleres maiores de 15 anos, mentres que a media estatal estaba nas 3,1. Este indicador aumentou na primeira metade do período analizado, ata chegar a 3,6, aínda que diminuíu na segunda metade ata 2,7. Segundo as cifras do estudo, o dato é maior nas zonas costeiras (4,4) e menor nas do interior (2,5). 

O informe revela tamén que a inmensa maioría non presentara denuncia contra o seu agresor, en concreto un 73,9%. No entanto, un 12,4% do total contaba con medidas de protección en vigor, mentres que o 60,5% destas mulleres mantiña a convivencia co seu agresor.

Seis de cada dez vítimas vivían co seu agresor

Entre xaneiro de 2003 e abril de 2019 morreron cada ano en España unha media de 61 mulleres a mans das súas parellas ou exparellas. O ano máis tráxico foi 2008, con 76 vítimas mortais. 

"Se comparamos a media anual de vítimas mortais pasaron de 68,3 mulleres asasinadas cada ano entre 2003 a 2010 a 54,4 entre 2011 e 2019. Este dato permítenos albergar certa esperanza e mostra que en España estase traballando na dirección correcta, pero ao mesmo tempo indícanos que non podemos baixar a garda", subliñou a presidenta do Observatorio, Ángeles Carmona.

En canto ao momento en que se cometeron os crimes, o estudo mostra que os meses con máis casos son xullo e xaneiro, con 98 e 94 casos respectivamente. O peor día da semana, os domingos, con 172 casos. 

O informe conclúe que a incidencia da violencia machista foi superior no mes de xullo

A idade media das vítimas mortais da violencia machista no período sometido a estudo foi de 42,2 anos.  

A maioría das mil mulleres asasinadas (655) eran españolas. Das 345 vítimas estranxeiras, o 46% eran orixinarias de América Latina.

O informe tamén reflicte que 765 menores quedaron orfos como consecuencia da violencia de xénero nos anos analizados no estudo. Deles, 499 eran fillos ou fillas do agresor. 

Segundo precisa o observatorio, este dato confirma que a maternidade é unha das circunstancias que aumentan o risco para as vítimas. En concreto, tres de cada catro mulleres asasinadas entre 2003 e 2019 eran nais, e en case a metade dos casos os fillos eran menores de idade.

A violencia de xénero deixou orfos 765 menores neses anos 

Ademais, evidencíase que a convivencia co agresor é outro dos factores que aumentan o risco para a vida das vítimas, pois o 60,5% das mil mulleres asasinadas vivía co seu agresor no momento en que ocorreron os feitos. Nun centenar de casos, a convivencia continuaba a pesar da existencia dunha denuncia previa e en 29, a pesar de estar activa algunha medida de protección para a vítima. 

O 60,6% dos asasinatos foron cometidos pola parella coa que a vítima mantiña unha relación cando ocorreron os feitos; nun terzo dos crimes (27,8%) o autor foi a exparella e nun 11,6% dos casos o crime produciuse durante unha crise ou cando a relación se atopaba nunha situación transitoria. 

Carmona asegura que este informe permitirá "mellorar os instrumentos na loita contra a lacra" da violencia machista, pois permite "coñecer o perfil do agresor, determinar as circunstancias que agravan o risco para as vítimas e detectar de forma máis eficaz cando deben poñerse en marcha os mecanismos de protección". 

Comentarios