Galicia suma 425 positivos por covid en 24 horas

Un estudante sométese a unha proba PCR. LAVANDEIRA JR. (Efe)
photo_camera Un estudante sométese a unha proba PCR. LAVANDEIRA JR. (Efe)

Os positivos por covid-19 confirmados por PCR nas últimas 24 horas descenderon na última xornada en Galicia ao detectarse outros 425, fronte aos 597 do luns e tras superar os 700 nas xornadas da fin de semana. Así as cousas, os casos activos de coronavirus soben ata os 9.376, que son 84 máis, na antesala da revisión das últimas restricións aplicadas para combater o virus na comunidade.

Así se desprende dos datos actualizados este martes na web da Consellería de Sanidade con cifras ata as 18.00 horas do luns, nos que se constata que se detectaron 88 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas na área sanitaria de Vigo; 84 na da Coruña e Cee; 76 na de Pontevedra e O Salnés; 62 na de Ferrol; 51 na de Santiago e O Barbanza; 38 na de Ourense e 26 na de Lugo. 

En canto aos casos activos de Covid-19, baixan en tres do sete áreas sanitarias galegas. En concreto, descenden a 1.272 na de Ourense, a 1.348 na de Santiago e a 963 na de Lugo. Por contra, aumentaron a 2.126 na área de Vigo, a 1.603 na da Coruña e Cee, a 1.082 na de Pontevedra e O Salnés e a 982 na de Ferrol. 

Desde o inicio da alerta sanitaria curáronse en Galicia 28.095 pacientes, o que supón un incremento de 343 con respecto aos rexistrados na xornada do luns. E realizáronse 706.326 PCR ata o momento, fronte ás 700.353 contabilizadas o día anterior.

O número de persoas falecidas aumentou a 944 despois de notificar Sanidade na tarde deste luns 21 vítimas mortais, a en torno a metade relacionadas con residencias de maiores, o que converteu a do luns na xornada con máis mortes comunicadas polas autoridades sanitarias desde a primeira onda do coronavirus. 

Comentarios