Galicia ten 100.000 votantes máis de 80 anos ou máis que novos de entre 18 e 24

Un total de 78.503 mozos poderán votar por primeira vez nunhas eleccións galegas o 12 de xullo
ELP1111P14F13
photo_camera Dúas monxas, a piques de votar. ARQUIVO

Un total de 78.503 mozos poderán votar por primeira vez nunhas eleccións galegas o 12 de xullo, desde as celebradas o 25 de setembro de 2016. Son apenas 13.628 máis que na cita dos xenerais que tivo lugar o 10 de novembro de 2019, un dato, o dos mozos galegos, que volve pór de relevo a situación demográfica galega.

De feito, os mozos e mozas de 18 e 19 anos chamados ás urnas son apenas 41.555, moi superados por aqueles que teñen 85 e máis anos, que suman 140.766 persoas. Pero se se toman como referencia as dúas primeiras franxas de idade e as dúas últimas que contemplan as táboas do Instituto Nacional de Estadística (INE), os chamados a votar maiores de 80 anos son 100.779 persoas máis que novas de entre 18 e 24 anos.

Concretamente, segundo os datos do INE, recollidos por Europa Press, hai 142.544 persoas no censo electoral de entre 18 e 24 anos (41.555 de 18 e 19 anos e 100.989 de entre 20 e 24), fronte ás 243.323 persoas de máis de 80 (102.557 de entre 80 e 84 anos e 140.766 de 85 anos ou máis).

Dos 78.503 votantes que cumprirían 18 anos cando sexan as eleccións do 12 de xullo, 32.420 correspóndense coa provincia da Coruña; 30.473, coa de Pontevedra; 8.053, con Lugo; e 7.557, coa de Ourense. Desde o 5 de abril, incorporáronse 5.539 mozos ao censo electoral da cita estival.

Para estes comicios do 12 de xullo, están chamados ás urnas 2.697.315 persoas, das cales 2.234.152 son residentes en Galicia e 463.163 no estranxeiro. Así, o censo perdeu un total de 2.190 votantes con respecto á cita do 5 de abril e 4.533 persoas, se tomamos como referencia os comicios do 2016.

Segundo os datos do INE analizados por Europa Press, o colectivo de votantes máis numeroso en Galicia é o comprendido entre os 40 e os 44 anos, con 210.705 -había 212.357 electores no caso dos comicios previstos para o 5 de abril-. Ningún tramo de idade máis nova conta con maior número de persoas chamadas ás urnas.

O caso de Ourense

O caso de Ourense é significativo en canto á análise demográfica e o envellecemento poboacional. Se se analizan os datos dos electores residentes por franxas de idade, o colectivo máis numeroso de posibles votantes atopámolo na de 85 e máis anos, cun total de 22.898 persoas chamadas ás urnas -17.796 mulleres e 8.102 homes-.

Os seguintes tramos con maior número de electores son os comprendidos entre 55 e 59 anos (21.660), de 50 a 54 (21.650) e de 60 a 64 anos (21.161).

Nesta circunscrición apenas hai 3.955 electores de 18 a 19 anos que residen na provincia, e con entre 20 e 24 anos, hai 10.349 persoas.

Lugo

Non tan acusado, pero que tamén ensina a foto da 'Galicia Baleira' -na Comunidade galega hai unha plataforma que así se chama e que busca revitalizar o rural e evitar o despoboamento nas provincias non atlánticas-, é o caso de Lugo.

Nesta circunscrición o colectivo máis numeroso é o que ten entre 55 e 59 anos, con 24.565 votantes; seguido dos que contan entre 50 e 54 anos, con 24.163 electores. Pero basta con ir ao terceiro posto para ver que os maiores de 85 anos conforman o colectivo que aglutina máis electores, con 23.701, logo dos dous mencionados.

O número de mozos con 18 ou 19 anos é de apenas 4.219 anos, mentres que entre 20 e 24 anos, teñen dereito a voto 10.699 persoas. Son, de feito, os grupos de idade con menos números de votantes na provincia, dous colectivos que, fronte á cita prevista para o 5 de abril, caeron en número de persoas con dereito a voto.

Aínda que o número de maiores de 85 anos nas provincias atlánticas non é desdeñable en relación á súa poboación (54.262 na Coruña e 39.905 na de Pontevedra), en ambas se observa unha renovación xeracional maior que nas outras provincias.

Na Coruña, menos novos

A pesar diso, só desde o censo previsto para o 5 de abril, producíronse descensos en colectivos como os comprendidos entre os 18 e 19 anos, que rexistra agora 17.244 electores, fronte aos 17.363 da ocasión anterior (119 menos).

Ademais, prodúcese un cambio do colectivo máis numeroso. Na cita do 5 de abril, o número de electores de entre 40 e 44 anos era de 90.092, pero perdeu 745 electores e sitúase agora nos 89.347.

Esta situación lévalle ceder o primeiro posto de franxas de idade ao comprendido entre 45 e 49 anos, que rexistra 89.526 electores, pero ningún dos grupos de idade excede os 90.000, como si ocorría no censo para a cita de hai dous meses.

Pontevedra, máis renovación

En Pontevedra dáse a situación contraria respecto ao colectivo de entre 18 e 19 anos. Pasa de haber 16.088 censados para o 5 de abril a sumar 16.137, é dicir 49 máis.

O grupo de idade máis numeroso segue sendo o que se sitúa entre os 40 e os 44 anos, con 78.524, pero son 617 menos electores que os previstos para o 5 de abril, cando había contabilizados 79.141 electores residentes en Galicia nesta franxa de idade. O seguinte colectivo máis numeroso é o comprendido entre os 45 e 49 anos e suman 77.228 (485 máis que nas eleccións canceladas).

Comentarios