lunes. 14.10.2019 |
El tiempo
lunes. 14.10.2019
El tiempo

Galicia tivo un setembro cálido cun aumento de 0,74 graos na temperatura media

Un mozo refrescándose. EFE
Un mozo refrescándose. EFE

O tramo final do verán en Galicia estivo marcado pola calor e un réxime de precipitacións normal para esta época do ano, segundo a información do avance do informe climatolóxico de Meteogalicia. 

En concreto, despois dos meses de xullo e agosto, nos que a tónica xeral foi a variabilidade, setembro caracterizouse por ser un mes cálido no conxunto de Galicia, aínda que con dúas metades moi diferenciadas. 

Durante a primeira quincena, a influencia das altas presións permitiu a entrada na comunidade de masas de aire cálido procedentes do sur da península e do norte de África, que contribuíron a que os termómetros alcanzasen rexistros anormalmente altos. 

Esta situación, explica o informe, viuse compensada na segunda metade do mes, moito máis variable e marcada por tormentas e a chegada de borrascas atlánticas. 

Setembro terminou cunhas temperaturas medias 0,74 graos por encima dos valores do período de referencia. Así, aínda que foi un mes cálido, quedou por baixo do seu precedente máis inmediato, setembro de 2018, que foi o máis cálido de toda a serie histórica, 2,66 graos de media por encima do esperado. 

As temperaturas no noveno mes deste ano estiveron por encima do esperado en toda Galicia con dúas excepcións, a Mariña lucense e a comarca coruñesa de Bergantiños, nas que se detectaron valores lixeiramente por baixo dos esperados. 

No que respecta ás precipitacións, o mes mantívose dentro da normalidade, aínda que choveu un 29% menos do esperado en comparación cos rexistros do período de referencia. O informe de Meteogalicia incide na distribución desigual das choivas, que se concentraron na segunda metade do mes e, particularmente, na terceira semana. 

Os termómetros rexistraron en xeral unha temperatura máxima de 23 graos de media, alcanzando valores moito máis altos na comarca do Ribeiro e en Verín (onde superaron os 28) e máis baixos na Mariña e montaña de Lugo e Ourense, con valores máximos que roldaron os 17 graos. 

Galicia tivo un setembro cálido cun aumento de 0,74 graos na...