viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

Galicia vai ás urnas nunhas eleccións inéditas marcadas polo coronavirus

Feijóo, Pontón, Caballero y Gómez Reino. EP
Feijóo, Pontón, Caballero y Gómez Reino. EP
Os galegos elixen quen xestionará a crise sanitaria e económica provocada pola pandemia nos primeiros comicios da 'nova normalidade'

Chegou o día de saber se Galicia seguirá gobernada desde este luns por un Partido Popular coa súa cuarta maioría absoluta consecutiva ou se o resultado das urnas leva os partidos de esquerda á Xunta baixo a fórmula dunha alianza multicolor. A resposta está nas papeletas que os cidadáns depositen este domingo nas urnas, nunhas eleccións insólitas pola data e, sobre todo, porque son as primeiras da chamada nova normalidade, a do coronavirus.

Hai preto de 2,2 millóns de residentes en Galicia chamados a votar nunhas eleccións marcadas pola pandemia, ademais de 463.163 no estranxeiro. O escenario excepcional no que se celebra esta convocatoria, cunha crise sanitaria como pano de fondo, sementa dúbidas sobre a participación, que nas autonómicas de setembro de 2016 foi do 63,75%. A incógnita agora é se o medo xerado polo Covid-19, o rebrote da Mariña e os 259 casos positivos na comunidade que non poden acudir a votar frearán o electorado. 

Se a pandemia non chegase para poñer todo patas para arriba, os galegos xa terían votado hai máis de tres meses, o 5 de abril. Foi a data que o popular Alberto Núñez Feijóo elixiu ao adiantar as eleccións. Finalmente este domingo, por primeira vez nun xullo e baixo un sol de xustiza, os cidadáns poden votar rodeados de medidas de seguridade.

Os comicios serán un exame a varios niveis: tanto para o Goberno de Pedro Sánchez como para as autonomías, que asumiron o control da xestión da pandemia na desescalada.

Os números da cita coas urnas
2.697.315 electores. Son os que están chamados a participar nas eleccións autonómicas, 2,2 millóns deles residentes en Galicia e 463.163 no exterior.

2.395 colexios electorais. Cun total de 3.952 mesas repartidas por toda a comunidade.

2,4 millóns de máscaras. Son as que se porán a disposición dos electores para cumprir as medidas de seguridade ante o coronavirus. Haberá tamén máis de 40.000 botes de xel hidroalcohólico e 47.000 pantallas faciais para os membros das mesas electorais.

56 candidaturas. Son as que pugnan polos 75 asentos no pazo do Hórreo. Hai unha lista máis das que se rexistraron para participar na convocatoria do 5 de abril. 

7 de agosto. É cando se constituirá o Parlamento, aínda coas medidas por determinar, nunha sesión na que os deputados tomarán posesión da súa acta, xurarán ou prometerán lealdade á Constitución e ao Estatuto e elixirán aos membros da Mesa.

 

Once formacións políticas optan nesta xornada a facerse cos 75 asentos en liza no pazo do Hórreo. As formacións de esquerda botarán un pulso polo cambio a un PP que busca revalidar a cuarta maioría absoluta de Alberto Núñez Feijóo. 

Mentres, chaman ao cambio o PSdeG, con Gonzalo Caballero como aspirante á presidencia; o BNG, con Ana Pontón como cabeza de cartel, e Galicia en Común-Anova Mareas, encabezada por Antón Gómez-Reino, asi como Marea Galeguista (Pancho Casal).

Cidadáns (Beatriz Piñeiro) e Vox aspiran a entrar no Hórreo.

Sexa cal for o resultado, o novo Goberno terá por diante un reto nada sinxelo: xestionar unha crise sanitaria infestada de incerteza pola ausencia de vacina fronte ao coronavirus e, o que non será menos difícil, o desastre económico que a pandemia deixou

De novo co País Vasco
Galicia estrea as eleccións da nova normalidade votando —de novo— o mesmo día que o País Vasco, onde as enquisas dan ao PNV como favorito e vaticinan incluso unha mellora nos resultados de hai catro anos. Iso suporía elevar os actuais 28 escanos, dun total de 75 na Cámara vasca. 

A pesar deste resultado que apuntan as sondaxes, os nacionalistas vascos estarían obrigados a pactar, e é previsible que opten por reeditar o pacto co PSE-EE, que tamén confía en mellorar os seus nove escanos. As mesmas enquisas apuntan a que EH Bildu se consolidaría como segunda forza no Parlamento vasco —actualmente ten 18 deputados—, e non outorgan boas perspectivas nin ao espazo da centrodereita constitucionalista, no que PP e Ciudadanos acoden xuntos baixo a mesma marca, nin a Vox. 

Galicia vai ás urnas nunhas eleccións inéditas marcadas polo...
Comentarios