martes. 27.10.2020 |
El tiempo
martes. 27.10.2020
El tiempo

Galicia vivirá un outono máis cálido e seco do habitual

Un neno, nunha praia de Cabanas. EFE
Un neno, nunha praia de Cabanas. EFE
Nun verán caloroso, o mes de xullo foi o máis seco desde 1951 e o segundo máis cálido da serie histórica

O verán galego foi moi cálido e con valores normais de precipitacións. E o outono, que empeza o martes, será máis cálido e máis seco do habitual, atendendo aos datos e predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía.

A Aemet presentou este venres nunha rolda de prensa na Coruña o resumo climático do verán, o balance hídrico e a predición para o trimestre outubro-decembro, con previsións similares ás do conxunto de España. E é que a nova estación —que comezará o 22 de setembro ás 15.31 hora peninsular— prevese máis cálida e seca do habitual en todo o Estado, tras un verán moi caloroso. Foi, de feito, o sexto consecutivo con temperaturas por enriba dos valores normais.

Facendo balance en Galicia, o delegado do organismo na comunidade, Francisco Infante, constatou que o mes de xullo foi o máis seco da serie histórica e "extremadamente cálido", só superado polo de 2013. Así as cousas, o verán galego foi, en xeral, "normal" en canto a precipitacións e "moi cálido", cunha temperatura máxima rexistrada o 18 de xullo e o 6 de agosto de 41,1 graos en Ribadavia

O primeiro mes estival, o de xuño, tivo temperaturas "lixeiramente inferiores" aos valores habituais e interrompeu unha "sucesión de meses moi cálidos" que se daba desde decembro, con máximas que non chegaron aos 30 graos e unha temperatura mínima de 1,7 graos en Xinzo de Limia, a máis baixa do verán. As precipitacións dese mes foron "normais".

Xullo, pola súa banda, foi "extremadamente seco e cálido", mentres que agosto resultou "lixeiramente cálido", pero con precipitacións "moi abundantes", que triplicaron os valores normais no golfo Ártabro e o nordés de Lugo. Destaca que o observatorio da Coruña rexistrou 67,2 litros por metro cadrado o día 12 de agosto, duplicando nun día a cantidade normal dun agosto completo.

No que vai de setembro, segundo detallou Infante, as temperaturas foron "anormalmente altas" e estaba a resultar seco ata este xoves, cando se rexistraron importantes tormentas. Na Coruña, o día 13 alcanzáronse os 35,4 graos, a temperatura máis alta nun mes de setembro nesta zona.

Ademais, o ano hidrolóxico en Galicia, que está a piques de terminar, deixou "valores normais", con só un 6% máis do habitual.

As ondas de calor duplicáronse en España na última década
A nivel estatal, a Aemet constatou que este verán "pecha unha década na que as ondas de calor foron as protagonistas". "No último decenio rexistráronse 23, fronte ás 11 ou 12 que se produciron en cada unha das tres décadas anteriores, polo que practicamente se duplicou o seu número", dixo.

Tamén se dobrou o número de días ao ano nos que España se atopou en situación de forte calor. Na última década foron 14 xornadas, mentres que nas tres décadas anteriores cifrouse en 6 días.

Galicia vivirá un outono máis cálido e seco do habitual
Comentarios