Galileo, Sócrates, Hitler ou o mesmo Jesús, protagonistas da nova novela do xuíz Taín

O maxistrado repasa no seu último libro os 'Grandes Juicios de la Historia' 

José Antonio Vázquez Taín. AGN
photo_camera José Antonio Vázquez Taín. AGN

De Galileo a Sócrates, pasando por Hitler, O.J. Simpson ou o mesmo Jesús, o xuíz José Antonio Vázquez Taín repasa na súa última novela os Grandes Juicios de la Historia. A editorial Espasa publica o vindeiro martes, día 10 de abril, este libro, no que Vázquez Taín, "desde o seu lugar privilexiado como xuíz en exercicio", recolle algúns dos xuízos máis importantes da Historia e ofrece ao lector "unha interpretación polémica e diferente", afastada da "establecida a través do tempo". 

Enigmas coma se Poncio Pilatos se lavou as mans antes de enviar a Cristo á cruz ou se foi Sócrates un modelo de conduta e cidadán exemplar recóllense nesta obra, que recorda que "todos os posicionamentos xurídicos son defendibles". Ao longo do volume, o lector atopará veredictos que parecerán "totalmente incomprensibles" desde as concepcións sociais actuais, cos que o xuíz pretende "facer comprender que moitos dos principios fundamentais do dereito que se cren eternos e inviolables realmente son froito da concepción social e da doutrina da época concreta en que se aplican". 

Coñecido pola súa participación na loita contra o narcotráfico galego, pola recuperación do Códice Calixtino e pola instrución do asasinato de Asunta Basterra, José Antonio Vázquez Taín desenvolve tamén unha actividade literaria na que xa publicou títulos como Santiago, la leyenda del santo oculto ou Matar no es fácil. 

Comentarios