Os galegos, os condutores que máis incidencias rexistran ao volante en cidade

Madrid, Barcelona, Palma e Sevilla son as cidades que aglutinan máis sancións de tráfico

Coches mal aparcados. SEBAS SENANDE
photo_camera Coches mal aparcados. SEBAS SENANDE

Os galegos, vascos e aragoneses son os condutores que máis incidencias rexistran ao volante en cidade, cunha media de 58,17, 47,49 e 43,33 puntos, respectivamente, segundo os resultados de Reto Legálitas, proxecto de DriveSmart e Legálitas para concienciar sobre a importancia dunha condución máis responsable, segura e eficiente. 

Os datos, recollidos no último semestre de 2017, revela que o número de incidentes producidos cada 100 quilómetros percorridos en vías urbanas de España, situouse nos 35,90 puntos de media, por baixo dos 45,56 rexistrados en vías interurbanas. 

Pola contra, os condutores que sumaron menos incidencias, e que se sitúan por baixo da media española en cidade, foron os valencianos e baleares, ambos con 26,71 puntos, seguidos dos asturianos con 27,19. 

Para a análise avaliáronse os excesos de velocidade, aceleracións, freadas bruscas, xiros ou trazados de curva inadecuados e a reacción aos sinais de tráfico dos usuarios da app Drive Smart obtendo datos estatísticos en función das sancións de tráfico xestionadas ao longo dos meses. 

En canto a vías interurbanas, Galicia (68,84), Madrid (58,38) e País Vasco (56,02) lideran o ranking de incidencias fronte a Baleares (16,75), Asturias (33,98) e Cantabria (35,54), que rexistraron o menor número de incidencias de toda España durante o segundo semestre de 2017.

MADRID, A QUE MÁIS SANCIÓNS ACUMULA. Respecto das sancións de tráfico, Legálitas analizou 300.000 expedientes xestionados o pasado ano e concluíu que Madrid, Barcelona, Palma e Sevilla son as cidades que aglutinan o groso a nivel nacional. 

Así, o Concello de Madrid acumulou máis dun 35% das sancións xestionadas polo despacho en todo o territorio nacional, seguido moi de lonxe polos concellos de Barcelona (6%), Palma de Mallorca (2%) e Sevilla (2%) nas infraccións urbanas. 

Paralelamente, respecto das infraccións cometidas en vías interurbanas, é a Xefatura Provincial de Tráfico de Madrid, que xestiona un 3% de sancións a nivel nacional, quen lidera a listaxe xunta ao Servei Catalá de Tránsit de Barcelona con outro 3% aproximadamente, seguidos polo Centro de Denuncias Automatizadas de Tráfico e o Centro Automatizado de Tramitación de Infraccións de Tráfico ( CATIT) do País Vasco. 

Tal e como se desprende da análise, as grandes urbes seguen sendo as cidades onde máis se cometen infraccións de tráfico, por encima das cometidas en vías interurbanas, sendo o exceso de velocidade a infracción máis repetida nun 25% dos casos. Séguenlle as infraccións por estacionamento regulado, con máis dun 20%, e os estacionamentos indebidos, que supoñen un 10% dos casos. 

Comentarios