Un gandeiro de Chantada denuncia ataques reiterados dos cans dun veciño ao seu gando

O dono dos animais tamén ameazou e acosou ao granxeiro a través das redes sociais
O gandeiro que denunciou os ataques en Chantada. EP
photo_camera O gandeiro que denunciou os ataques en Chantada. EP

Un gandeiro de Chantada denunciou os ataques que sofren as súas vacas por parte dos cans dun veciño, ao que acusa de ceibalos intencionadamente. 

Segundo informa o Sindicato Labrego Galego, Vítor Fernández leva tempo sufrindo este tipo de ameazas e ataques. Nun primeiro momento pensou que os cans estaban soltos, pero ao ver que os ataques continuaban decidiu notificalo á Garda Civil. 

Ante as visitas da Benemérita para tentar razoar co dono dos animais, explica o SLG, este aínda se puxo "máis agresivo" e intensificáronse os ataques cos cans sobre o gando na granxa ecolóxica ubicada nun terreo preto do río que divide os concellos de Chantada e Carballedo. Ademais, o veciño, segundo denuncia o gandeiro, comezou a ameazalo a través das redes sociais e por WhatsApp. 

[Un dos ataques sufridos polo rabaño]

Pese a que bloqueou toda comunicación co seu acosador, este continuou as ameazas a través de terceiras persoas. Foi entón cando o afectado comezou a interpoñer denuncias diante da Garda Civil por ameazas á súa persoa e ataques contra o seu gando. O último ataque por parte da manda de cans sufriuno esta semana.

Por todo iso, desde o sindicato pídenlle ás Administracións que actúen para por fin á esta "situación flagrante de acoso permanente e ameazas que están a facer imposible que este mozo gandeiro desenvolva con normalidade a súa profesión e a súa vida". Polo de agora, indican, as súas vacas xa padeceron varios abortos e tivo que levar unha ao matadoiro por esta "persecución".

Comentarios