García Egea reclama ao Goberno en Galicia estabilidade para Alcoa

Teodoro García Egea, este martes en Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Teodoro García Egea, este martes en Lugo. XESÚS PONTE

O secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, reclamou ao Goberno central que dea estabilidade a Alcoa, en San Cibrao, e unha solución para esta factoría despois de que a dirección iniciase o 25 de xuño o proceso de despedimento. 

En declaracións durante a visita que realizou este martes á empresa AMSLab, en Lugo, dentro da campaña das eleccións galegas, criticou a "incomprensión" da ministra de Traballo coa problemática desta factoría, na que están o xogo 534 empregos. 

En concreto, García Egea advertiu a Yolanda Díaz de que pasou o momento das palabras e "chegou o dos feitos" e recriminou que ela, que é galega, fale "en termos despectivos" de Alcoa, xa que desde o seu punto de vista o Goberno debería ser sensible á incerteza de centos de familias. 

O número dous do PP asegurou que o partido a nivel estatal comparte as prioridades do presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, para Galicia e que falan "do que falan os galegos", en referencia á problemática das factorías de Alcoa, Navantia ou As Pontes. E reclamou ao PSOE que abandone o que considera a súa "deriva frontista" que tomou e a mirar a Galicia, un sitio onde as cousas se fan ben". 

Por parte do PP, manifestou que o partido seguirá "na moderación e na centralidade" para representar a maioría dos cidadáns que só busca "xerar oportunidades e mellorar a vida da xente". 

Ademais, recriminou ao PSOE que este martes no Congreso "demostrou estar" co vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, e non cos mozos e os maiores, e lamentou que non apoie a iniciativa do PP para aprobar desgravacións fiscais para estes importantes colectivos. 

García Egea advertiu de que nas eleccións galegas se decide entre o "modelo de futuro" do Feijóo e o do "pasado" dos outros partidos. 

Tamén pediu o voto para Feijóo, do que destacou que durante a pandemia do coronavirus puxo a xestión e os intereses xerais "por enriba de calquera outra cousa" e que é "un seguro en materia de saúde e emprego" porque cre que demostrou que é un deses "políticos imprescindibles" ante situacións difíciles.

Comentarios