Un garda civil critica que non puido doar sangue por levar a súa arma regulamentaria

A persoa que tomaba os datos non lle deixou acceder á unidade móbil desprazada a Castro
Unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia en Lugo. J.VÁZQUEZ
photo_camera Unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia en Lugo. J.VÁZQUEZ

O que pretendía ser un xesto solidario por parte dun membro da Garda Civil de servizo, que acudiu a doar sangue a unha unidade móbil en Castro de Ribeiras de Lea, converteuse nun requirimento de información por escrito á Consellería de Sanidade. O axente, que xa doara noutras ocasións, non puido materializar a súa iniciativa ao impedirlle acceder ao vehículo se portaba a súa arma regulamentaria.

Ao ter coñecemento destes feitos, ocorridos na tarde do pasado 27 de agosto no punto quilométrico cinco da LU-113, a Asociación Unificada de Garda Civís (AUGC) decidiu remitir un escrito á Xunta para pedir explicacións sobre o ocorrido. Neste detállase que o axente se atopaba prestando servizo de 14.00 a 22.00 horas e que, ao decatarse da presenza da unidade móbil, decidiu achegarse para doar, "ao ser este compoñente doante habitual".

Cando subía as escaleiras do vehículo, a persoa que estaba a tomar os datos a outro doante "impediulle a entrada e díxolle que non podía acceder ao mesmo coa arma de servizo", segundo recolle o escrito. A pesar de que o axente lle comunicou que esta tiña o seguro posto, o seu interlocutor mantívose firme na súa decisión e ratificoulle que "por unha decisión persoal", cita textual que recolle o documento presentado na Xunta, non permite o acceso con armas ao autobús.

A AUGC remitiu un escrito a Sanidade para saber se era un criterio persoal ou unha norma

Así mesmo, recomendoulle ao garda civil deixar a súa arma no armeiro, unha alternativa que en realidade non era posible, xa que como aclaran desde a AUGC, "os gardas civís non dispoñen de armeiro móbil". O axente, ante estas circunstancias e tras constatar que había outra persoa esperando tamén para doar, decidiu continuar co seu servizo "a fin de non entorpecer as doazóns doutros usuarios".

O afectado quixo deixar constancia tamén de que esta foi a primeira vez que se lle prohibiu a entrada a un autobús de doazón de sangue, cando el mesmo xa acudira "en anteriores ocasións durante a prestación do servizo". Ademais, incide en que non viu "en ningún momento cartel informando/advertindo de que os membros e forzas de seguridade deberían deixar a súa arma para entrar e realizar a doazón de sangue" e lamenta non poder doar, xa que na data dos feitos as reservas do seu grupo sanguíneo, A positivo, estaban "en cor laranxa, nivel baixo".

No Ados non recibiron a queixa, pero precisan que a responderán en canto a teñan, como aseguran que fan sempre

Por todo iso, o axente non quixo deixar pasar o asunto e, a través da AUGC, solicitou que se lle expoña por escrito se a decisión adoptada responde a unha "instrución ou circular interna" ou se debe unicamente ao criterio do "persoal do compoñente que, en cada momento, está encargado da recollida de datos á entrada do autobús".

SEN CONSTANCIA. Fontes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (Ados), dependente do Sergas, precisaron que aínda non recibiron ningunha queixa a este respecto. "Non nos chegou, pero por suposto que se vai contestar", afirmaron.

"Nós contestamos a todas as queixas e cuestións que nos chegan e estas son ben recibidas, porque nos axudan a mellorar o servizo", aseguraron, sen poder concretar tampouco, sen realizar as pertinentes consultas, se existe unha normativa respecto diso.

Comentarios