O Goberno confirma que a situación "está normalizada" na prisión da Lama

Este xoves trasladábase ao cárcere pontevedrés un grupo especializado que analizará a sustancia que contén a carta

Prisión da Lama. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Prisión da Lama. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, confirmou este xoves que a situación na prisión da Lama "está normalizada" tras a chegada este mércores dun sobre sospeitoso ao cárcere.

"Púxose en marcha inmediatamente a alerta por risco de contaminación biolóxica. Procedeuse ao illamento de todos os funcionarios que tivesen contacto con ese sobre e clausuráronse e illáronse todas as instalacións polas cales pasou a carta" explicou Larriba. Tras a "descontaminación" dos locais e os traballadores só queda realizar a análise da sustancia contida no sobre, tarefa para a que este xoves se desprazaron desde Madrid á Lama membros dun grupo especializado.

"Neste momento hai normalidade absoluta dentro da prisión da Lama" insistiu a subdelegada do Goberno, que asegurou que a Administración "actuou seguindo o protocolo".

ANTECEDENTES. Larriba recordou que non é a primeira vez que ocorre un caso así na prisión pontevedresa. "En 2015 houbo un antecedente. O sobre ía dirixido ao director da prisión e viña remitido por unha organización anarquista", explicou.

Comentarios