O Goberno destina 5,4 millóns de euros en axudas para proxectos piloto 5G en Galicia

A apertura da convocatoria anunciarase nas próximas semanas a través do Boletín Oficial do Estado 
Nadia Calviño. FERNANDO ALVARADO
photo_camera A galega Nadia Calviño. FERNANDO ALVARADO

O Ministerio de Economía e Empresa, a través da empresa pública Rede.é, achegará 45 millóns de euros para o financiamento dun máximo de once proxectos piloto baseados na tecnoloxía móbil 5G, dos cales 5,4 millóns irán para Galicia. 

Así o resolveu este venres o Consello de Ministros, autorizando así a segunda convocatoria destas axudas dirixidas ás comunidades de Andalucía, Canarias, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, Madrid, País Vasco e Murcia. 

Esta convocatoria está enmarcada no Plan Nacional de 5G e ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento de experiencias piloto 5G por parte do sector privado. Trátase da segunda convocatoria desta natureza posta en marcha polo Goberno. 

Na primeira, resolta o 30 de abril de 2019, o orzamento máximo foi de 20 millóns de euros, resultando beneficiarias dúas iniciativas. Do mesmo xeito que na anterior convocatoria, estas axudas serán convocadas pola entidade pública Rede.é e cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), podendo alcanzar ata un 40% dos gastos elegibles dos proxectos. 

A apertura da convocatoria anunciarase nas próximas semanas a través do Boletín Oficial do Estado (BOE). Poderán participar na mesma empresas ou unións temporais de empresas constituídas ao efecto. 

A convocatoria estableceu os seguintes importes para cada comunidade autónoma: Andalucía: 13 millóns de euros; Canarias: 1,3; Castela A Mancha: 1,2; Castela e León: 1,5; Cataluña: 5; Comunidade Valenciana: 8; Estremadura: 1,2; Galicia: 5,4; Madrid: 5; País Vasco: 2,2; Rexión de Murcia: 1,2. 

Comentarios