Gómez-Reino, sobre Bescansa: "Galicia non pode ser un retiro dourado nin un plan B"

Echenique recorda que a compostelá é deputada por Madrid

Tone Gómez-Reino. AEP
photo_camera Tone Gómez-Reino. AEP

O deputado de En Marea no Congreso Antón Gómez-Reino advertiu á deputada de Podemos nesta Cámara, Carolina Bescansa, que "Galicia non pode ser o retiro dourado nin o plan B de ninguén", ao ser preguntado pola posibilidade de que ela opte a liderar a formación morada en Galicia. 

Sobre a súa candidatura, remarcou que conta co apoio de moitísimos "militantes e a maior parte dos cargos públicos e orgánicos", algo que considerou necesario para conformar un Podemos en Galicia "forte e unido". 

Cunha "benvida a Galicia e á política galega" referiuse a Carolina Bescansa no caso de que finalmente decida dar o paso para presentar a súa candidatura á Secretaria Xeral de Podemos en Galicia. 

Aínda así, advertiulle de que "o mandato" dos militantes é "claro". "Os inscritos piden unidade, non é o tempo de que ninguén veña aquí a vellos debates xa pechados". "É o momento de construír un Podemos unido e pensado desde o país", recalcou a este respecto. 

MÁIS REACCIONES. O portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou que a súa posición ante as primarias de Podemos Galicia será "neutral", aínda que apuntou que para "dirixir" unha organización é necesario coñecela.

Pola súa banda, o secretario de Organización de Podemos, Pablo Echenique, sinalou este luns que a Executiva non vai opinar sobre a idoneidade da posible candidatura Carolina Bescansa para liderar o partido en Galicia, aínda que si recordou que é deputada por Madrid e que hai meses fixo públicas as súas aspiracións para entrar na política madrileña. 

Comentarios