Feridas catro persoas nun incendio que obrigou a desaloxar un edificio en Salvaterra de Miño

O lume iniciouse ao arder un colchón

Catro persoas resultaron feridas no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño tras declararse un incendio ao arder un colchón no interior da súa vivenda no cuarto piso dun edificio, o cal tivo que ser desaloxado por precaución. 

O suceso ocorreu ao redor das 02,00 horas da madrugada deste sábado na rúa Curros Enríquez de Salvaterra. Foi un dos propios moradores do piso quen chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. 

Así, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) alertou ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Baixo Miño, ao GES-Speis de Ponteareas, á Garda Civil e á Policía Local. 

Unha vez no punto, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento confirmaron que ardeu a superficie dun colchón por causas que aínda se descoñecen, segundo a información facilitada polo 112 Galicia. 

Os catro moradores da vivenda afectada foron trasladados polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia e, debido á acumulación de gas no interior do inmoble, foron orientados a non volver ao seu domicilio ata o día seguinte. Os demais veciños puideron regresas ás súas casas tras quedar o lume sufocado.