A heroína incautada en Caldas foi cargada en Bulgaria e percorreu media Europa

O dono do camión asegura que os condutores descoñecían que levaban 60 quilos de droga 
Vista do xuízo contra os doce acusados de integrar unha organización que en 2017 intentou introducir en Galicia 60 quilos de heroína. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Vista do xuízo contra os doce acusados de integrar unha organización que en 2017 intentou introducir en Galicia 60 quilos de heroína. SALVADOR SAS (EFE)

Os case 60 quilos de heroína intervidos polas forzas policiais nunha nave de Caldas de Reis en agosto de 2017, e polos que está sendo xulgada unha ducia de persoas na Audiencia de Pontevedra, foi cargada no remolque dun camión en Bulgaria, e percorreu media Europa, pasando por diversos controis, antes de chegar a Galicia.

Así o confirmaron varios dos acusados, que este martes declararon ante o tribunal, no xuízo que se segue por esta causa na sección quinta da Audiencia (con sede en Vigo), e no que o Fiscal pide penas que suman 132 anos de cárcere para os 12 procesados polos delitos de tráfico de drogas e integración en grupo criminal.

Na xornada deste martes ofreceron o seu relato ante os maxistrados os dous condutores do camión no que se atopou a droga, así como o dono do vehículo, un mecánico e un mozo que actuaba como contacto dos provedores da heroína; todos eles de nacionalidade búlgara.

O propietario do camión que se utilizou nesta operación, Ivailo I.M., explicou que outro dos acusados contactou cos provedores da droga e que estes encargáronse de preparar un habitáculo disimulado no remolque do vehículo, onde se introduciron máis de 100 paquetes de heroína.

Con esa carga, e sen que os condutores coñecesen a presenza da droga, o camión saíu de Bulgaria e pasou Romanía, Hungría, República Checa, Eslovaquia e chegou a Alemaña, onde deixou un cargamento de vasos.

Posteriormente, cargáronse 22 toneladas de chocolate dunha coñecida marca e, a través de Francia, levaron a Madrid. Desde a capital, e coa escusa de que había que arranxar unha avaría no camión e cargar viño en Galicia, Ivailo I.M. deu instrucións aos condutores para que se dirixisen á Comunidade galega. 

En todo o traxecto percorrido polo camión, miles de quilómetros, os condutores, segundo o testemuño do dono do vehículo, descoñecían que levaban a heroína. De feito, o remolque pasou inspeccións e incluso un escáner en Alemaña, sen que ninguén descubrise a carga de droga.

IMPLICACIÓN DE CIDADáNS BÚLGAROS

Este acusado recoñeceu ante o tribunal que só el, e o seu compatriota Ivan D.E. sabían que o camión transportaba a droga, aínda que tampouco eran coñecedores do tipo de droga que levaba, e exculpou ao resto de acusados búlgaros.

Ivan D.E. declarou que os provedores da droga prometéronlle 10.000 euros por participar nesta operación, e tamén confirmou que, cando chegou á nave de Caldas de Reis para supervisar a entrega da droga, foi o avogado vigués Manuel E.M. o que lles entregou a bolsa co diñeiro para pagar a heroína.

Por outra banda, este martes prestou tamén declaración o acusado Iván Manuel M.P., veciño de Vilanova de Arousa, quen recoñeceu que participou no plan porque necesitaba o diñeiro.

Segundo o seu testemuño, descoñecía os detalles do cargamento (aínda que sospeitaba que se trataba de "droga" ou "algo ilegal"), pero aínda sabéndoo con certeza fíxoo porque tiña "unha mala situación económica". "Estou arrepentido, foi o maior erro da miña vida", proclamou ante a sala.