Os hospitais galegos non comunican novas mortes por terceiro día desde o inicio da alerta sanitaria

O Chuac da Coruña. EFE
photo_camera O Chuac da Coruña. EFE

A xornada deste luns saldouse sen novos datos sobre falecidos pola pandemia en hospitais galegos. Trátase da terceira vez desde o inicio da crise sanitaria na que estes centros non comunican ningunha nova vítima mortal con Covid-19.

Tampouco transcendeu ningún outro morto rexistrado en residencias de maiores, que suman xa 12 días sen falecidos co virus.

Trátase da terceira xornada na que non se informaron destes falecidos, a primeira o pasado 29 de abril e a última o pasado xoves. 

A primeira vítima mortal deste virus rexistrouse o 14 de marzo, unha muller de 92 anos que se atopaba ingresada no Hospital Povisa de Vigo.

Nesa mesma xornada producíase tamén a morte dun home de 81 anos ingresado en Pontevedra e que deu positivo na proba de Covid-19.

Neses días, os primeiros da alerta sanitaria en Galicia, nos que a comunidade contaba con menos de 300 casos activos, producíronse dúas xornadas nas que non se rexistrou ningunha morte hospitalaria, o 15 de marzo e o 17 de marzo.

A partir do 18, cando as vítimas mortais en Galicia ascendían a catro, os hospitais da comunidade comunicaron falecementos todos os días, excepto en tres xornadas. 

As mortes en Galicia con coronavirus sitúanse en 607. O último caso que transcendeu foi este domingo, o de home de 88 anos ingresado no Hospital La Rosaleda, en Santiago de Compostela, e que tiña patoloxías previas.

O número de mortes rexistradas en atención hospitalaria son 475: 126 na área sanitaria da Coruña, 101 na área de Ourense, 91 na área de Vigo, 85 na área de Santiago, 30 na área de Ferrol, 26 na de Lugo (dúas deles en atención domiciliaria), e 16 en hospitais da área de Pontevedra

A estas defuncións hai que sumar as 132 producidas dentro das residencias de maiores. 

En todo caso, hai que ter en conta que, dos falecidos en atención hospitalaria, hai 138 persoas que estaban vinculadas con centros residenciais (e que morreron en hospitais ou en residencias integradas). 

A ese respecto, os falecidos relacionados con residencias son 270, o que supón en torno ao 45% do total de vítimas mortais do coronavirus en Galicia.

FALECIDOS EN RESIDENCIAS

Desde que se iniciou a pandemia, morreron 22 usuarios no interior da residencia DomusVi de San Lázaro, 21 na nosa Señora da Esperanza (Ourense), outros 20 na DomusVi de Cangas, 12 na residencia DomusVi de Barreiro(Vigo), 9 no Portazgo (A Coruña), 8 en DomusVi Matogrande, 8 en Remanso Claudina-Somoza, e 7 en Santa Teresa Jornet

Así mesmo, informouse da morte de 5 usuarios na residencia de Moledo (Vigo), e 3 nas Fragas de Pontedeume, os mesmos que en San Pedro de Crecente, en DomusVi Concepción Arenal (A Coruña) e na residencia Divino Maestro de Ourense

Finalmente, nas residencias Fogar Bellolar, Castro Caldelas, Caser A Zapateira (Culleredo), San Carlos de Celanova, residencia de Foz, A nosa Señora de Fátima (Barco de Valdeorras), San José de Ourense e Fundación José Otero de Santiago, notificouse unha morte en cada unha delas. 

Comentarios