Un incendio derrúe unha nave en Betanzos sen causar danos persoais

No concello da Laracha, un lume nun alpendre puxo en alerta aos servizos de emerxencia
Oficina do 112. ARQUIVO
photo_camera Oficina do 112. ARQUIVO

Un incendio derruíu esta madrugada unha nave de ferramentas situada no Polígono Piadela Suelo, na localidade coruñesa de Betanzos. Afortunadamente, ningunha persoa se atopaba no interior do inmoble no momento de producirse o incendio, polo que non houbo que lamentar danos persoais.

Segundo informaron os profesionais de extinción ao 112 Galicia, tras extinguir o lume, ardeu a nave na súa totalidade e resultou danada a estrutura, debido ás altas temperaturas  alcanzadas. Polo momento descoñécense as causas que orixinaron o lume, aínda que, un curtocircuíto puido ser a causa mais probable da súa orixe.  Os Bombeiros tamén comunicaron ao 112 Galicia  que  as naves lindeiras non se viron afectadas.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso, ao fío das 23:00 horas da noite pasada. Foi a esa hora, cando unha persoa particular informaba aos xestores dun cheiro a queimado e de ver saír fume dunha nave.

Despois de traballar arreo durante toda a noite e dar por finalizadas as tarefas de extinción, os Bombeiros procederon a refrixerar a zona

A partir de aí, desde o centro de emerxencias informouse aos Bombeiros de Betanzos e á Garda Civil, que decontado se desprazaron ata o lugar. Ademais, púxose en alerta ao persoal sanitario, por se nalgún momento fose precisa a súa intervención, á Policía Local, a Protección Civil e ao persoal do servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Así mesmo, debido á magnitude das lapas, tamén foi precisa a intervención dos efectivos de extinción de Ordes e de Arteixo.

Despois de traballar arreo durante toda a noite e dar por finalizadas as tarefas de extinción, os Bombeiros procederon a refrixerar a zona.

LARACHA. Na provincia da Coruña, no concello da Laracha, un incendio nun alpendre puxo en alerta aos servizos de emerxencia. Tampouco houbo que lamentar danos persoais.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos tras recibir a chamada dun particular ás 00.30 horas desta madrugada. Segundo a información facilitada polo alertante, ardía un pendello no lugar de Raxido que almacenaba un depósito de combustible.

De inmediato, desde o 112 solicitouse a intervención dos Bombeiros de Bergantiños que, ao rematar as labores de extinción, confirmaron que os materiais combustibles non se viran afectados. Finalmente, unicamente arderon distintos obxectos que se almacenaban no seu interior.

Ademais dos membros do Servizo de Extinción Prevención de Incendios e Salvamento, por precaución, os profesionais sanitarios tamén foron alertados polos xestores do 112 Galicia, así como os axentes da Garda Civil e voluntarios de Protección Civil da localidade.