viernes. 03.07.2020 |
El tiempo
viernes. 03.07.2020
El tiempo

Interior prohibe aos universitarios volver aos seus pisos para recoller apuntamentos

Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo. SEBAS SENANDE
Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo. SEBAS SENANDE
O Goberno desautoriza cunha instrución a volta a residencias e apartamentos estudantís

Os universitarios galegos deberán seguir confinados sen poder regresar aos seus pisos ou residencias para recoller os seus apuntamentos ou para baleirar os aloxamentos que alugaron —e que, en moitos casos, seguen pagando— para un curso académico que truncou o coronavirus. O Ministerio do Interior ditou esta semana unha instrución na que prohibe os desprazamentos de alumnos aos seus lugares de estudo. Isto supón que carecerán de validez os xustificantes que estaban a entregar algunhas institucións académicas para facilitarlles o regreso aos seus pisos para recoller ordenadores e material didáctico. Pola contra, á inversa, si poderán retornar aos seus domicilios familiares aqueles que optaron por illarse nos campus.

En Galicia, a Universidade da Coruña iniciara a expedición destes xustificantes, que algúns alumnos solicitaron incluso para emprender a volta á cidade herculina polas dificultades para conectarse a internet nos seus fogares. Pola súa banda, a Universidade de Santiago remitiu varias consultas á Subdelegación do Goberno para que aclarase que tipo de desprazamentos estarían permitidos no estado de alarma. A resposta chegou este sábado e, seguindo o criterio de Interior, foi negativa.

A Conferencia de Reitores reclama por carta a Marlaska que rectifique o criterio con "urxencia"

Cabe recordar que esta semana o Ministerio de Universidades instou ás comunidades a establecer uns criterios xerais para proceder á avaliación non presencial dos estudantes, isto é por medios telemáticos, garantindo "a equidade de oportunidades". Sobre a base destas recomendacións, as tres universidades galegas emprenderon os contactos para articular a finalización do curso. Pero, as restricións á mobilidade poden supor un obstáculo engadido para moitos alumnos.

Este sábado, o presidente da sectorial de asuntos estudantís da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (Crue), Miguel Ángel Collado, remitiu unha carta ao ministro Fernando Grande-Marlaska para solicitarlle que dea marcha atrás e que o faga de forma "urxente por razóns do calendario académico". Na misiva, o tamén reitor da Universidade de Castela-A Mancha trasladou "a protesta do conxunto da comunidade universitaria" por esta decisión. "Consideramos plenamente xustificado, e dentro do marco legal vixente, o seu desprazamento, naturalmente de xeito ordenado e puntual", constata Collado, que apunta como proba que as delegacións do Goberno deran a súa conformidade" a estes movementos "na maioría de comunidades".

A USC traslada ao alumnado o veto
O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, comunicou este sábado pola tarde ao alumnado o veto aos desprazamentos aos pisos e residencias estudantís tras recibir a resposta da Subdelegación do Goberno na Coruña.

SÓ SE PODE VOLVER A CASA. A Administración trasladou á USC o criterio do ministerio, que aclara que só están "autorizadas" as viaxes de retorno "ao domicilio familiar habitual", amparadas polo decreto do estado de alarma. En cambio, "non están permitidos" as viaxes puntuais "á residencia académica para recoller materiais ou outros elementos persoais relacionados coa formación universitaria".

Interior prohibe aos universitarios volver aos seus pisos para...
Comentarios